A raíz do Día do Libro, este xoves 23 de abril, Afundación en casa conmemórao con propostas que invitan a gozar dos diferentes xeitos de aprender cos libros. Desde conferencias sobre diferentes xéneros literarios (poesía ou cómic), contacontos infantís ou descarga gratuíta de publicacións de Afundación.
Por outra banda, tamén este xoves hai unha nova sesión de "Benestar e ioga", inspirada da nas actividades que, de maneira habitual, se viñan desenvolvendo nos seus espazos +60.
Co obxectivo de seguir coidando a saúde e promovendo os bos hábitos, todos os luns e xoves, Sandra Roco conduce unha sesión en directo a partir das 11.00 horas para todas as persoas que se inscriban aquí.
A Obra Social de ABANCA tamén continúa coa súa iniciativa dirixida a todas aquelas persoas interesadas en aprender a reducir e xestionar o estrés resultante da situación que atravesamos nestes momentos.
Ás 19.00 horas deste xoves, na sección "Directos Afundación-TV", o coach Leandro Fernández Macho proporciona, a todas as persoas inscritas para participar neste programa, as ferramentas necesarias para reducir e xestionar as complexidades emocionais resultantes desta etapa extraordinaria.
"Actitud TOP" é o título destas sesións que se poden seguir en directo, a través da nova páxina web de Afundación, todos os xoves, durante nove semanas, desde as 19.00 ata as 21.00 horas. As persoas participantes teñen tamén opción de interactuar ao longo dos encontros.