Agosto foi de récord en Ribadumia cun 34% de visitas internacionais

O Salnés
13 de setembro 2025

O turismo estranxeiro procede principalmente de Portugal, Italia e Estados Unidos nun mes onde se alcanzaron as 1.471 persoas atendidas no Punto de Información Turística

Ruta da Pedra e da Auga en Ribadumia Concello de Ribadumia - Arquivo

O Concello de Ribadumia pechou o verán cun balance turístico histórico tras rexistrar no seu Punto de Información Turística un total de 2.448 visitantes entre xullo e agosto.

A cifra de agosto, con 1.471 persoas atendidas, supón un incremento do 14% respecto ao mesmo mes de 2024.

O crecemento do turismo internacional constitúe un dos datos máis destacados da tempada estival, alcanzando o 34% do total de visitantes.

Portugal, Italia e Estados Unidos encabezan o listado de países de procedencia, seguidos por Alemaña, Polonia, Francia, Reino Unido e China.

No ámbito nacional, Andalucía mantén a súa posición como principal emisor de visitantes cun 30% do total, seguida de Madrid (23%) e Castela-A Mancha (9%).

O perfil maioritario que visita o municipio continúa sendo o do peregrino vinculado á Variante Espiritual - Ruta do Padre Sarmiento do Camiño, con máis de 1.500 persoas contabilizadas durante os dous meses estivais.

Xunto a eles, o turismo cultural, natural e gastronómico segue atraendo excursionistas que dinamizan a economía local, indican desde o Concello.

A combinación de patrimonio natural como a Ruta da Pedra e da Auga, a oferta cultural e gastronómica, así como a celebración de eventos de referencia ao longo do ano, conforman as causas deste incremento, segundo o goberno local.