O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, participou na presentación dos programas festivos elaborados para esta fin de semana polas comisións de festas de Almofrei, Loureiro e Pazos de Borela e que contan co apoio económico do Plan Cultural do Concello.
Así, o xoves 10 de agosto Almofrei celebra as súas festas na honra de San Lorenzo e San Roque comezando pola mañá coa tirada de salvas e pasarrúas a cargo da Charanga Charandonga. Ás 13 horas celebrarase a misa solemne seguida de procesión e pola noite verbena amenizada polas orquestras Charleston e La Banda de Ayer.
O venres 11 ao amencer haberá unha salva de bombas seguida de pasarrúas a cargo da Banda de Música Unión Musical de Tenorio. Ás 13 horas terá lugar a misa solmne, seguida de procesión e entrega do tradicional ramo a outra familia que tome o relevo para organizar as festas o vindeiro ano. Pola noite haberá unha verbena amenizada polas orquestras Assia e Magos. Tamén haberá inchables gratis para os nenos os dous días da festa de 19 a 22 horas.
A RODA ACTUARÁ CO PROGRAMA CERDEDO-COTOBADE EN SONS
Por outra banda, sinalar que Loureiro celebrará as festas na honra da Virxe das Neves o sábado 12 e o domingo 13 de agosto. Ás 21 horas do sábado terá lugar a misa e as poxas e ás 21:30 horas comezará a gran churrascada popular que dará paso ás 23:30 horas á actuación especial da Roda que chega ata o Campo da Festa das Neves a través do programa Cerdedo-Cotobade en Sons posto en marcha este ano polo Concello.
Tras esta actuación, terá lugar a tradicional verbena co dúo Prisma e o trío 3.COM. O domingo haberá alboradas a cargo do grupo folk “Os Trazantes de Tenorio” e ás 13 horas celebrarase a misa solemne que dará por rematados os actos festivos en Loureiro.
SAN ROQUE E SAN ANTÓN EN PAZOS DE BORELA
Finalmente sinalar que o sábado 12 de agosto os veciños de Pazos de Borela celebrarán as festas na honra de San Roque e San Antón comezando á mañá cedo cun pasarrúas a cargo dos Afoutes do Canón de Pau. Ás 13 horas terá lugar a misa solemne, seguida de procesión e sesión vemú amenizada pola citada agrupación folclórica.
Ás 19 horas haberá castelos hinchables gratuítos para os cativos e pola noite rematará a festa cunha gran verbena amenizada polos grupos Distrito 7 e Azabache.
O alcalde, Jorge Cubela, agradeceu o esforzo que fan as comisións de festas para manter vivas as tradicións e dinamizar os distintos lugares do espazo rural do concello e renovou o compromiso persoal e do seu equipo de goberno de seguir apoiando economicamente á veciñanza na celebración das súas festas a través do Plan Cultural do Concello de Cerdedo-Cotobade.