Alumnos do CEIP Xunqueira I aprenden cos bichos da compostaxe

Pontevedra
20 de febreiro 2019

A rapazada do centro de ensino está a realizar ao abeiro do Plan Revitaliza xogos e obradoiros para aprender a facer compost e visitará en marzo un centro de compostaxe comunitaria no campus universitario

Obradoiro de compostaxe no CEIP Xunqueira I
Obradoiro de compostaxe no CEIP Xunqueira I / Deputación de Pontevedra

O alumnado do CEIP Xunqueira 1 aprende estes días o funcionamento da compostaxe fixándose na vida que se produce dentro dos restos orgánicos en descomposición.

Un grupo de escolares deste centro educativo tomou parte do taller 'Quen vive aí?', unha actividade organizada pola Deputación dentro do Plan Revitaliza.

A través dos bichos, a microfauna que habita nos centros de compostaxe (anélidos, colémbolos,  pseudoescorpións, coleópteros…) e que participa activamente na descomposición dos restos orgánicos, os nenos e nenas descubriron como se realiza a compostaxe.

A identificación dos vermes realizouse grazas a varias mostras de compost con diferentes estados de maduración que as e os monitores do CEIDA achegaron ata o centro en caixas. Os escolares colleron os bichos eles mesmos mesmo coas mans e observáronos con material de aumento.

Para o alumnado maior están a impartirse ademais as charlas 'Ás voltas coa compostaxe', un achegamento ao tema do lixo doméstico (tipoloxía, volume, precaucións) e a súa xestión e tratamento, facendo fincapé no proceso de compostaxe dos restos de comida e vexetais. Pola súa banda os máis pequenos (1º e 2º) participan en xogos como o 'Xogo da miñoca', formando equipos sentados no chan resolvendo preguntas sobre como conseguir un bo compost. 

Estas actividades escolares realízanse da man dos monitores do CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia) dentro do Plan Revitaliza.