Todo preparado para a XXX edición da Festa da Ameixa do Carril, que estende a celebración a toda a fin de semana.
O día forte será o domingo, coa degustación dos 3.000 quilos de ameixas que a Confraría espera repartir, aínda que tamén hai moita expectación coa paella xigante que preparará o chef Miguel Mosteiro este sábado pola noite (21:30 horas), e da que se esperan repartir 500 racións.
Os preparativos comezarán xa pola tarde, coa colocación das mesas e a carpa baixo a Alameda do Carril, onde se cociñará o arroz. Os prezos son "populares", como din dende a propia organización, porque o obxectivo é "dar a coñecer o produto". Os tíckets poderán adquirirse o propio día pola mañá na venta anticipada en Praza de Galicia, onde tamén se poden mercar os billetes para o día seguinte; ou presencialmente pola tarde no bar da Confraría.
Está previsto que as primeiras racións se repartan a partir das 22:00 horas. Os comensais terán que facer unha fila e entregar os resgardos para que se lles dea a comida. A cea estará amenizada por D’Crooners Band.
O domingo, a partir das 11:30 horas, Xirifeiros, Airiños do Carril e Brisas do río Ulla animarán as rúas. Ás 12:00 horas comezará o pregón, da man do humorista Carlos Blanco dando o inicio oficial á festa; tamén se fará unha entrega de recoñecementos e terá lugar a actuación de Cristian Silva.
A degustación comezará a partir das 12:30 / 13:45 horas, ata esgotar existencias. A música correrá a cargo de Pablo Balseiro and The Verbenian Orquestra. A Confraría prevé vender unhas 8.500 racións de ameixa xapónica.
AMEIXA ROCK
E os días 6 e 7 de setembro será a XII edición do Ameixa Rock, que este ano contará co seguinte cartel: Bala, A Banda do Elías (homenaxe a Los Suaves), Noite Fechada, Duendeneta, Colectivo Bello Verano e Suso Aboy.
Como outros anos tamén haberá viaxes a Illa de Cortegada a un prezo especial de 10 euros por persoa (menores de 3 anos gratis), para estas actividades é necesaria a inscripción previa.