A concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, que dirixe o socialista Iván Puentes, continúa coa campaña para facer que todas as zonas de lecer infantil de Pontevedra cumpran coas normativas autonómica e europea en materia de seguridade. O departamento municipal, a través do seu Servizo de Parques e Xardíns, acaba de poñer en marcha as obras de mellora integral do parque infantil situado na Praza das Regas, no barrio de Valdecorvos, unha actuación que conta cun orzamento global duns 15.000 euros.
Segundo sinala Iván Puentes, a actuación implicará "unha ampliación da zona de lecer infantil, necesaria para poder acadar a certificación da ENAC", así como a renovación de todos os elementos de xogo e a instalación dun novo pavimento con base amortecedora e céspede artificial "que permitirá mitigar e suavizar ao máximo as posibles caídas dos nenos". Ademais, renovarase o valado perimetral e plantaranse novas árbores.
As obras de mellora integral están a ser executadas pola empresa Garocaprim SL e prolongaranse durante unhas tres semanas.