Anduxia estuda denunciar ante a Unión Europea a falta de instalación na depuradora do filtro que garante a desinfección das augas

Bueu
01 de xaneiro 2022

Esta asociación ecoloxista advirte dos anos que leva reclamando que na depuradora de Bueu se instale o filtro UV, que agora a Xunta de Galicia demanda ao goberno local do Concello de Bueu. Lembran que este sistema de desinfección é obrigatorio para cumprir coa normativa europea porque a depuradora verte nunha zona sensible como é a ría de Pontevedra onde se extraen moluscos e se practica a pesca

Instalacións da EDAR de Bueu
Instalacións da EDAR de Bueu

O colectivo ecoloxista Anduxia presentou un escrito no Concello de Bueu dirixido ao alcalde Félix Juncal reclamando a instalación urxente do filtro UV na Estación Depuradora (EDAR) de Bueu.

Desde o colectivo fanse eco da petición que a Xunta de Galicia dirixiu ao  Concello para que se instale este filtro que ten como función purificar con sistema ultravioleta a auga, de maneira que desapareza o material xenético de calquera microorganismo que se atope na auga sen que produza infección.

No escrito lembran ao rexedor que a  asocación leva anos reclamando a instalación deste sistema na depuradora ao tratarse dunha obrigación municipal e da empresa concesionaria do servizo de saneamento (Aqualia). Tamén alertan de que este sistema de desinfección ou de tratamento terciario é obrigatorio para cumprir coas directrices da Unión Europea. 

Insisten en que a EDAR de Bueu verte nunha zona sensible como é a ría de Pontevedra onde se cultivan e recóllense moluscos, ademais de practicarse a pesca profesional. Alertan de que a deficiencia se recolle en todos os informes e controis que Augas de Galicia realiza sobre a depuradora, a pesar de que leva 14 anos instalada. 

Acusan ao  Concello de  inacción do mesmo xeito que á empresa concesionaria e os responsables de Anduxia advirten que se, "nun período de tempo razoable", non se realiza a instalación estudarán presentar unha denuncia ante a Unión Europea.