O concelleiro de urbanismo, Antón Louro (PSdeG-PSOE), sostén que "a día de hoxe, ningún pontevedrés ten xa a menor dúbida de que a Xunta de Galicia non vai construír o prometido hospital de Monte Carrasco". As razóns, segundo o edil, hai que buscalas na crise económica e no "fracaso estrepitoso do modelo de financiamento hospitalario privado noutras comunidades autónomas que tiraron á papeleira o proxecto estrela que o PP quixo venderlle á cidade de Pontevedra".
O tenente de alcalde e portavoz do grupo municipal socialista, Antón Louro, subliña que hai que ter moi presente que a construción deste hospital foi "o gran compromiso oficial" anunciado por Alberto Núñez Feijoo, na súa visita institucional despois de acceder á presidencia da Xunta en 2009.
"A realidade é que o Partido Popular, por puro interese electoral e cegado na súa ambición de acadar a Alcaldía, rachou o consenso existente ata aquel momento para ampliar Montecelo e construír o ansiado Hospital ÿnico e embarcouse nunha aventura destinada ao fracaso dende o principio", di Louro.
O feito de que a Consellería condicione a continuidade do proxecto á retirada dun simple recurso contencioso-administrativo do Concello contra o proxecto sectorial de incidencia municipal resulta para o responsable pontevedrés de Urbanismo "unha argumentación non só inconsistente, senón ridícula". E apunta que hai "exemplos sobrados de actuacións autonómicas que pasan por enriba dos informes urbanísticos e os recursos municipais, sen ir máis lonxe, a tramitación pasada e actual do Plan Especial do porto de Marín".
A actual conselleira, Rocío Mosquera, "busca desesperadamente unha estratexia de confrontación co Concello de Pontevedra, igual que fixo antes en Vigo para xustificar a paralización das obras do novo hospital olívico. A simple realidade, é que o modelo de financiamento con capital público e privado está quebrado", declara Louro.
O socialista lémbralle a Rocío Mosquera "todos os calendarios rachados que manexou a súa antecesora Pilar Farjas, quen en 2009 falaba dun calendario de 66 meses para estrear Montecarrasco".
"Agora, a titular de Sanidade di que nin sequera redactarán o plan de viabilidade económico-financiera, aprazado xa tres veces, cando a realidade é que o que resulta verdadeiramente inviable é ese propio plan. Á Xunta non lle saen as contas e, por fin, parece que se deron conta que foi unha tolería anunciar un Hospital innecesario, cuns 400 millóns de orzamento, cando cuns 120 millóns de euros puideron ter acometido a ampliación de Montecelo. O resultado é que os pontevedreses seguen sen dispoñer dun centro hospitalario comparable ao existente no resto das áreas sanitarias de Galicia", dí o tenenete de alcalde.
Louro conclúe sinalando que "unha Xunta que presume de austeridade ten así dilapidado os cartos públicos na redacción dun proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, nun proxecto arquitectónico (maqueta incluída), nunha presentación pública con impresión abundante de folletos e, finalmente, nun proxecto de expropiación duns terreos que non se van expropiar".