Anulan dúas sancións contra o Concello por verteduras ao Gafos por ser "un problema estrutural"

Pontevedra
03 de xuño 2013

Na sentenza, feita pública este luns polo goberno municipal, advírtese que se trata dun "problema estructural" do sistema de saneamento, é dicir, no colector do río Gafos. Nas súas obras de mellora, recorda o xuíz, está implicada a propia Xunta de Galicia. Aínda que como recordou Raimundo González, trátase duns traballos paralizados recientemente pola administración autonómica

Verquido de augas fecais ao río dos Gafos á altura do paseo fluvial de Alcalde Hevia
Verquido de augas fecais ao río dos Gafos á altura do paseo fluvial de Alcalde Hevia / Vaipolorío

O Concello de Pontevedra non é responsable de dúas verteduras de augas residuais que se produciron no río Gafos, en decembro de 2010 e xaneiro de 2011, e polos que Augas de Galicia sancionoulles con 15.000 euros. Así o ditaminou o Xulgado Contencioso Administrativo número 2 de Pontevedra, ao que recorreu o goberno municipal tras esgotar a vía administrativa.

Na sentenza, feita pública este luns polo goberno municipal, advírtese que se trata dun "problema estructural" do sistema de saneamento, é dicir, no colector do río Gafos. Nas súas obras de mellora, recorda o xuíz, está implicada a propia Xunta de Galicia. Aínda que como recordou Raimundo González, trátase duns traballos paralizados recientemente pola administración autonómica.

Recorda ademais o titular Xulgado Contencioso Administrativo número 2 de Pontevedra que a mellora deste colector do río Gafos "pode considerarse unha obra de carácter supramunicipal", á vista da achega de augas doutros municipios como o de Vilaboa.

Aceptando as alegacións presentadas polo Concello de Pontevedra, o xulgado conclúe que as verteduras residuais debéronse á saturación do saneamento e á interferencia dun terceiro, polo que non estima responsabilidade algunha do goberno municipal e que tampouco se acreditou que se chegase a alterar a calidade das augas.

Segundo Raimundo González esta sentenza é "moi importante" para o Concello, xa que "cada certo tempo hai unha sanción similar", e agora demóstrase nos xulgados, dixo, "que non é un problema de mantemento senón unha cuestión estrutural", que depende en todo caso de Augas de Galicia.