Anuncian melloras na rede de saneamento na PO-308 en Porteliña

Poio
18 de abril 2022

O edil de Obras e Servizos, o socialista Julio Casás, informa de que os traballos comezarán este mércores 20 abril e servirán para a substitución da tubaxe de formigón, que se atopa moi deteriorada, por unha de PVC

Gregorio Agís e Julio Casás
Gregorio Agís e Julio Casás / Concello de Poio

O concelleiro de Obras e Servizos Municipais, Julio Casás, pasou revista ao tramo da PO-308 situado na avenida da Porteliña, na parroquia de San Salvador, no que o Concello de Poio ten previsto iniciar esta semana uns traballos de renovación e mellora da rede de saneamento.

Casás, que estivo acompañado polo titular de Urbanismo, o tamén socialista Gregorio Agís, explicou que os operarios de Viaqua procederán á substitución de parte da tubaxe situada no marxe dereito, en dirección a San Xoán, da PO-308, xa que as revisións realizadas con cámaras por parte dos técnicos constatan que a canalización atópase moi deteriorada neste tramo.

O responsable deste departamento adianta que a actuación servirá para substituír a tubaxe de formigón por unha de PVC.

En concreto, as obras afectarán a un tramo de algo máis de 30 metros de extensión, desde a altura do número 9 da Porteliña ata as proximidades do cruce coa Rúa do Adro. 

O comezo dos traballos terá lugar este mércores 20 de abril. Julio Casás informa de que durante a realización dos mesmos non se poderá facer uso das prazas de estacionamento para servizos existentes na zona. A prohibición temporal para aparcar dará comezo o propio mércores, ás 8.00 horas. Nos días previos xa se procedeu á instalación de valado no que se informa da medida. 

O edil de Obras e Servizos Municipais sinala que "somos conscientes das molestias que provocan este tipo de situacións", pero xustificou que "é unha medida necesaria para garantir a realización dos traballos e que poidan finalizar no menor tempo posible".

Neste aspecto, Casás Barral confía en que as tarefas rematen en poucos días, sempre que as condicións meteorolóxicas así o permitan.

Por último, o edil do Goberno local lembra que esta obra supón "unha solución temporal", á espera de que se poida acometer a ansiada reforma integral da PO-308 ao seu paso polo núcleo de San Salvador, entre A Barca e A Porteliña. A Concellería de Urbanismo está a ultimar un proxecto co obxectivo de presentalo ante a Xunta de Galicia, titular da estrada, para facer realidade esa actuación.