Anuncian unha batida de limpeza e roza na ampliación da pasarela en 12 de Novembro

Pontevedra
06 de xuño 2022

Preténdese manter esta zona verde en perfectas condicións hixiénico sanitarias, eliminando maleza e malas herbas, e deixala acondicionada para a execución do futuro parque co que se lle dará continuidade á área recreativa da rúa José Adrio Barreira, unha vez que Adif informe o proxecto e conceda a preceptiva autorización para as obras

Encontro de Iván Puentes e Yoya Blanco coa veciñanza de Joaquín Costa
Encontro de Iván Puentes e Yoya Blanco coa veciñanza de Joaquín Costa / Concello de Pontevedra

O Concello de Pontevedra realizará nas vindeiras semanas unha batida de limpeza e roza na parcela municipal situada entre as rúas 12 de Novembro, Joaquín Costa, Estrada e As Hortas, na parte da pasarela sobre o tren máis próxima ao novo edificio dos xulgados.

Así o deu a coñecer este luns o concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, durante un encontro cun grupo de veciños de Joaquín Costa. Tamén acudiron a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, e  oxefe do Servizo de Parques e Xardíns, Manuel Fontán.

Segundo explicou Puentes, preténdese manter esta zona verde en perfectas condicións hixiénico sanitarias, eliminando maleza e malas herbas, e deixala acondicionada para a execución do futuro parque co que se lle dará continuidade á área recreativa da rúa José Adrio Barreira, unha vez que a Administración de Infraestruturas Ferroviarias (Adif) informe o proxecto e conceda a preceptiva autorización para as obras.

A reunión tamén serviu para abordar posibles solucións estéticas para harmonizar a nova área de lecer e xogo cos laterais dos edificios lindantes. Este proxecto suporá un investimento de máis de 500.000 euros e permitirá dotar á zona Leste da cidade dun espazo verde entre o edificio dos xulgados e Loureiro Crespo.

Puentes explicou que ao estar situada a parcela sobre a que se quere actuar sobre unha vía ferroviaria, ao igual que aconteceu co parque infantil de Médico Ballina, é preciso dispoñer previamente do permiso de Adif. Unha vez conten con el, poderán poñer en marcha o procedemento de contratación das obras.

O concelleiro asegura que é unha actuación "absolutamente prioritaria" e permitirá mellorar as condicións de mobilidade peonil e a conexión de 12 de Novembro con Santa Teresa de Jesús, Amalia Álvarez, o edificio xudicial e a estación de ferrocarril.