Aprazado dous meses o xuízo contra cinco acusados de imprudencia nun accidente laboral en ENCE

Pontevedra
14 de maio 2013

Fiscalía acusa o administrador da empresa Limpezas e Servizos Industriais Diz e a un contramestre e o responsable do servizo de prevención da pasteira. A acusación particular amplía a acusación contra dúas persoas vencelladas ao servizo de prevención de riscos laborais. O xuízo non puido celebrarse ao non asistir dúas aseguradoras ás que se piden indemnizacións

Visita a ENCE Pontevedra
Visita a ENCE Pontevedra /

O Xulgado do Penal número 1 de Pontevedra aprazou durante dous meses o xuízo previsto para este martes na Parda contra cinco persoas acusadas dun delito contra os dereitos dos traballadores en concurso con lesións imprudentes pola súa responsabilidade nun accidente laboral rexistrado na fábrica de Ence no ano 2006 no que o traballador sufriu a amputación da perna esquerda.

A vítima era un traballador da empresa de Pontevedra Limpezas e Servizos Industriais Diz, que realiza tarefas de limpeza en máquinas de gran tamaño de Ence. No momento no que sufriu o accidente laboral estaba realizando tarefas na pasteira, de modo que a Fiscalía acusa por imprudencia o administrador da súa firma contratante e a un contramestre e o responsable do servizo de prevención da fábrica de Lourizán.

A acusación particular amplía a acusación contra outras dúas persoas, dous traballadores vinculados ao servizo de prevención de riscos laborais de Ence. Todos eles acudiron este luns ás 9.30 horas aos xulgados da Parda, ao igual que a suposta vítima do accidente, no seu caso levando muletas.

A pesar de que estaban presentes os acusados e a vítima (J.L.H.M.), a vista oral non puido celebrarse pola non comparecencia de dúas das catro aseguradoras implicadas na causa como responsables civís subsidiarias das indemnizacións que solicitan tanto a Fiscalía como a acusación particular. Aprazouse a vista para dar tempo ao Xulgado do Penal número 1 de Pontevedra a determinar se procede ou non citar de novo os incomparecentes.

Si se presentou AXA, que será a única que non teña que volver o próximo mes de xullo cando se repita o xuízo, toda vez que xa aboou ao traballador prexudicado a indemnización que solicitaban a fiscal e a acusación particular, que se aproxima aos 400.000 euros. Ambas as dúas partes desistiron de presentar petición de responsabilidade civil contra esta aseguradora.

O fiscal pide ao xuíz que condene un acusado a dous anos de prisión e os outros dous a tres anos. Pola súa banda, a acusación particular eleva as penas e solicta para J.M.G.E., C.D.S, A.M.J.M, P.L.S.B. e J.G.C. penas de tres anos. Ademais, ambos os dous solicitan indemnizacións para o traballador acordes coa gravidade das lesións que sufriu. De feito, a causa do accidente tiveron que amputarlle a perna esquerda. Tiña 43 anos.