Aprendendo a compostar desde cativos

Pontevedra
19 de xullo 2019

Quince escolares que participan nas actividades da aula de natureza e interpretación que organiza o Concello de Pontevedra visitaron este venres o composteiro comunitario da Facultade de Forestais para coñecer como se elabora a compostaxe

Participantes en Ponteverán ante o composteiro do campus
Participantes en Ponteverán ante o composteiro do campus / Deputación de Pontevedra

Un dos obradoiros que organiza o Concello de Pontevedra dedicaba este venres a xornada para realizar unha visita con escolares ao composteiro comunitario que se atopa no campus universitario da Xunqueira e que ofrece servizo ao comedor da Facultade de Forestais.

Os quince escolares comprobaron a través deste sistema do Plan Revitaliza que promove a Deputación de Pontevedra como se elabora o compost. En primeiro lugar, nas aulas do Pazo da Cultura recibiron unha explicación sobre os residuos e o lixo que xeran as persoas para analizar como se poden tratar os residuos orgánicos a través da compostaxe.

Unha vez na zona na que se atopa o composteiro, os pequenos, con idades comprendidas entre os 8 e os 12 anos, aprenderon detalles sobre a importancia da temperatura ou sobre a presenza de microfauna no interior destes recipientes para elaborar o compost.

Os mestres composteiros explicaron como levan a cabo todos os pasos e destacaron a importancia de que se realice unha boa separación dos residuos orgánicos doutros para que o proceso sexa un éxito. Os propios integrantes do Ponteverán, obradoiro organizado polo Concello de Pontevedra, tomaron a súa merenda e, a continuación, tiraron os restos de comida no composteiro e viron como os expertos removían o interior e mesturábano con estructurante.

Os 60 menores que participarán nos obradoiros de Revitaliza en Ponteverán realizarán accións lúdicas e ambientais ao mesmo tempo que practican actividades en espazos naturais do municipio.