Aprobada a contratación das obras para o tramo non peonil de Benito Corbal

Pontevedra
20 de agosto 2018

As obras terán unha duración de catro meses e está previsto alongar as beirarrúas e deixar unha única ringleira de estacionamento de servizos, segundo informou a alcaldesa en funcións Carme da Silva tras a Xunta de Goberno local

Rúa Benito Corbal, Pontevedra
Rúa Benito Corbal, Pontevedra / Mónica Patxot

A Xunta de Goberno do Concello de Pontevedra aprobaba este luns a contratación das obras do tramo non peonil da rúa Benito Corbal, cun orzamento que ascende a 218.000 euros.

Estes traballos consistirán na ampliación de beirarrúas, que pasarán a medir 4 metros cada unha, coa estética actual. Vai manterse un único carril de servizo e unha única ringleira de estacionamento de servizo, de forma que se pasará de 51 prazas a tan só 25. Segundo explicou a alcaldesa en funcións, Carme da Silva, trátase dunha zona con moita actividade peonil e por este motivo, o goberno local decidiu acometer esta obra, que vai desde Cobián Areal ata Sagasta.

A partir dagora vai iniciarse o procedemento de contratación para unhas obras que terán un prazo de duración de catro meses. A concelleira indicou que aínda non se sabe se agardarán a que pase a campaña de Nadal para acometer estes traballos nesta zona comercial do centro urbano.