O incremento de asistencia urxente nesta época do ano, ao agudizarse certas patoloxías crónicas e aumentar a incidencia de infeccións respiratorias, entre elas a gripe, levou á área sanitaria de Pontevedra e O Salnés a activar o seu plan de inverno.
Así, en todos os circuitos hospitalarios e en todos os centros de atención primaria haberá un protocolo de actuación para evitar consecuencias graves, velando pola prevención de brotes e controlando os "picos de demanda" nos diferentes dispositivos asistenciais.
O obxectivo deste plan é que a gripe teña a "mínima incidencia" sobre o funcionamento dos centros hospitalarios, reducindo os tempos de acceso e estadía, por exemplo en Urxencias, para paliar os riscos de transmisión intrahospitalaria do virus.
Así, haberá áreas específicas para os pacientes con sospeita de gripe e segundo os seus estados clínicos. Xunto coa redistribución destes circuítos, facilítase o acceso a Urxencias aos casos que entren con febre, procurando axilizar a súa asistencia e ingreso e facer uso da mascarilla .
Ademais das áreas específicas de Urxencias, establecéronse criterios de ingreso pactados entre os profesionais e un protocolo de atención dos pacientes nos andares de hospitalización.
Outras das estratexias deste plan invernal contemplan a definición de circuítos asistenciais nos servizos de Urxencias de adultos e a modificación dos circuítos específicos en Pediatría durante a época de gripe ou a informatización dos procesos de ingreso.
A axilización nos traslados de mostras a analizar, o aumento de recursos humanos en función da demanda, a mellora nos circuítos de comunicación de resultados e a habilitación de espazos adicionais en caso de que xurdiran potenciais brotes son outras destas medidas.
Este plan foi deseñado polos responsables de Atención Primaria, Urxencias e Admisión, así como polos servizos de Medicina Interna, Medicina Preventiva, Pneumoloxía, Microbioloxía, Pediatría ou Enfermería, segundo destaca a área sanitaria.
Todos os casos teñen garantida a asistencia sanitaria tanto no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra como no Hospital do Salnés e na rede de centros de saúde.
A maior parte dos pacientes que requiren ingreso -entre un 12 e un 15% da patoloxía que se atende nas Urxencias hospitalarias da área sanitaria- se están a admitir o mesmo día.
No caso das demoras puntuais, coa tramitación das altas médicas diarias, os centros hospitalarios asumen de xeito paulatino e gradual o ingreso de novos pacientes.
No que atinxe á cobertura de Atención Primaria, todos os efectivos médicos dispoñibles nas listas de contratación están a prestar servizo nestes intres nos centros de saúde da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés.