As adopcións de animais no CAAN levan camiño de récord

Pontevedra
14 de abril 2021

Durante o que vai de ano nas instalacións do Centro de Acollida de Animais de Armenteira (CAAN) da Deputación de Pontevedra adoptáronse 210 cans. Un dos últimos foi Castor,  un veterano de nove anos, que levaba nestas dependencias desde setembro de 2019

Castor, can veterano, que foi adoptado na última semana no CAAN Deputación de Pontevedra

O Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) da Deputación de Pontevedra xa deu en adopción 210 cans que se atopaban nas instalacións do centro de  Armenteira desde o 1 de xaneiro deste 2021. 

Con esta cifra supéranse os datos do 2020, ano en que no mesmo período rexistráronse 85 adopcións, aínda que a declaración do estado de alarma suspendeu o trámite das adopcións entre o 13 de marzo e o mes de maio. En todo o ano producíronse un total de 583 adopcións, a cifra máis elevada desde que existe o CAAN.

Este ano, un dos últimos cans adoptados é Castor, un veterano de nove anos, que levaba nas instalacións provinciais desde setembro de 2019. Fora recollido na Cañiza e agora conta cun novo fogar en Ourense.

Dos 210 animais que saíron do centro un can viaxou a Portugal mentres que a maioría das adopcións se realizaron na provincia de Pontevedra (143), mentres que o resto repartíronse entre Castela e León (28), Madrid (5), Euskadi (3), Cataluña (3), Castela A Mancha (1) e Estremadura (1).

Dentro da provincia, a poboación do municipio de Vigo é o que máis animais adoptou chegando a 24, mentres que A Estrada atópase como segundo municipio con 19 e Pontevedra séguelle con 18. Poio e Meis suman oito adopcións cada un, mentres que Vilagarcía leva sete e seis o Concello de Cambados.