As Anpas de Sanxenxo coñecen o Plan de Conciliación municipal para este verán

Sanxenxo
14 de marzo 2022

Varios colectivos escolares xa se mostraron interesados en organizar ludotecas nos seus respectivos centros educativos

Actividade das ANPAs de Sanxenxo
Actividade das ANPAs de Sanxenxo

A concelleira de Educación e Cultura, Paz Lago, reuniuse esta semana coas ANPAS dos colexios públicos de O Cruceiro, A Florida, Magaláns, Portonovo e Nantes para abordar o plan de conciliación para este verán.

No encontro ao que non puido asistir ningún representante do colectivo de O Telleiro, algunhas Anpas xa se mostraron interesadas en organizar ludotecas nos seus respectivos centros educativos.

Trátase é recuperar aos poucos a normalidade tras dous anos de pandemia e que as Anpas que, así queiran, poidan retomar a organización das ludotecas de verán, sempre contando coa colaboración do Concello. O obxectivo é que as familias poidan saber canto antes a oferta dispoñible e poidan organizarse este verán cun plan que lle permita conciliar vida familiar e laboral. A mesa de traballo formada por Concello e Anpas seguirán perfilando a proposta nas próximas semanas.

Doutra banda, o 22 de marzo conclúe a presentación de solicitude de admisión dos alumnos que entran, por primeira vez, no sistema educativo. A concelleira Paz Lago enviou ás familias unha carta acompañada dun anexo informativo sobre os prazos e a documentación requirida para a matriculación.

Entre o 25 de marzo e o 7 de abril deberase presentar a documentación acreditativa dos criterios de baremo. Antes do 25 de abril publicarase as listaxes provisionais do alumnado admitido e non admitido e non será ata o 15 de maio cando se publiquen as listas definitivas. Entre o 20 e o 30 de xuño as familias deberán formalizar a matrícula.

A solicitude deberá ir acompañada do DNI do alumno e demais membros da unidade familiar, libro de familia e, de ser o caso, convenio regulador ou resolución xudicial de separación ou divorcio.

Sanxenxo conta con 7 centros educativos públicos: A Florida, Portonovo, O Cruceiro, Telleiro, Nantes, Magaláns e a Escola Unitaria de Aios. Ademais, tamén dispón dun centro educativo concertado en Portonovo, o colexio Abrente.