As obras da estrada de Perdecanai finalizarán a primeiros do verán

Barro
27 de abril 2018

Segundo indicou o nacionalista, é posible que os traballos, que teñen un prazo de execución formal de seis meses,adianten o seu fin ao inicio do verán xa que levan moi bo ritmo

Visita ás obras da estrada provincial EP-0505 entre a N-550 e a igrexa de Perdecanai
Visita ás obras da estrada provincial EP-0505 entre a N-550 e a igrexa de Perdecanai / Deputación de Pontevedra

O deputado provincial de Mobilidade Uxío Benítez visitou este venres as obras de mellora da estrada provincial EP-0505 entre a N-550 e a igrexa de Perdecanai en Barro, que afectan a máis de 1.200 metros de vía e teñen como obxecto renovar a capa de rodaxe de xeito integral, crear un espazo de tránsito peonil, instalar novo saneamento e tamén dispositivos de calmado de tráfico.

Segundo indicou o nacionalista, é posible que os traballos, que teñen un prazo de execución formal de seis meses, adianten o seu fin ao inicio do verán xa que levan moi bo ritmo.

O proxecto supón unha actuación acorde aos novos criterios que ten a Deputación para as estradas provinciais, polo que haberá calmado de tráfico, garantindo que os vehículos vaian a 30 quilómetros por hora grazas a redutores físicos de velocidade e no que se vai garantir tamén un itinerario peonil "digno", de 2,5 metros, como se están a marcar en todos os proxectos provinciais.

O orzamento de licitación foi de 327.565 euros, e a pesares de que a obra foi adxudicada cunha baixa do 20% á empresa Nexia, vaise utilizar toda a consignación prevista debido á necesidade de facer algúns complementos por necesidades detectadas co inicio dos traballos, tales como a instalación dunha varanda na contorna do río para gañar seguridade, máis espazo ao itinerario peonil e para dar tamén un carácter máis de rúa a esta estrada.

Pola súa parte, o alcalde Xosé Manuel Abraldes lembrou que a estrada que une a N-550 co centro da parroquia leva 12 anos en obras e "vela rematada definitivamente é unha tranquilidade, tanto pola seguridade da xente que circulamos por ela tanto en vehículo como andando, como por deixar de estar todo provisionalmente en obras, deixando todo rematado".