As obras nos terreos da ONCE comezarán a finais de abril

Pontevedra
17 de abril 2021

As obras de urbanización da parcela propiedade da ONCE, na contorna do novo centro de inserción laboral da Fundación para a Discapacidade e Emprego Xoán XXIII, comezarán antes de que remate o mes de abril

Entrada ao centro de recursos educativos (CRE) da ONCE Mónica Patxot

As obras de urbanización da parcela propiedade da ONCE, na contorna do novo centro de inserción laboral da Fundación para a Discapacidade e Emprego Xoán XXIII, comezarán antes de que remate o mes de abril. Así o adiantou o Concello, despois de asinar a acta de inicio da obra tras a adxudicación e contratación da actuación, licitada por parte da ONCE.

Este Proxecto de Urbanización do polígono, que xa fora aprobado pola Xunta de Goberno local a finais do mes de decembro, estará composto por tres fases de execución das obras.

A primeira inclúe a urbanización do vial que está diante da residencia que conecta Santa Lucía (na zona Corva) e parte do 'vial E'. Con esta execución conectarán o barrio de Campolongo coa zona da Corva e coa avenida de Vigo.

Na segunda fase continuarán o vial urbanizado na primeira fase ata a conexión co PERI aprobado. Tamén o camiño de San Brais/Pintor Urbano Lugrís, tramo máis longo e estreito da parte dereita.

Por último, a terceira fase consistirá na urbanización da parte interior situada entre os bloques do polígono (zonas verdes e vial peonil), unha pequena zona verde lindeira co vial da segunda fase, o vial situado diante do predio do CRE -rúa de Santa Lucía-, a zona da entrada ao CRE, que constituirá a rotonda prevista pola modificación puntual, e o treito que prolonga a rúa de Santa Lucía e permite a súa conexión coa rúa do Pintor Urbano Lugrís.

Dentro do proxecto están incluídos varios cambios como consecuenia do convenio subscrito entre a ONCE e Xoán XXIII. Segundo o convenio, ONCE comprometeuse a sufragar as obras de urbanización no frente lateral dereito da parcela de Xoán XXIII, no 'vial E' previsto no proxecto, desde o seu inicio na confluencia coa rúa Pintor Urbano Lugrís, nunha lonxitude de 40 metros.