A Subdelegación do Goberno situada na Praza de España foi escenario da concentración da CIG para demandar unhas medidas xustas para a clase traballadora galega durante a mañá deste 29 de marzo.
Coa finalidade de combater a pobreza, esixen "políticas públicas e salarios dignos" mentres rexeitan as medidas externas procedentes de Europa e Estados Unidos mediante protestas nas catro provincias.
"O público é servizo, o privado beneficio" repetían en resposta ao plan anticrise que se está avaliando desde o goberno de Pedro Sánchez. "Baixar ou rebaixar o prezo sen máis non é a medida" formulou o secretario comarcal da CIG en Pontevedra, Marcos Conde, "ten que haber empresas públicas e intervencionismo por parte do Estado".
En referencia a esta actuación do presidente, Conde desaproba os resultados dos anteriores plans por non axudar á clase traballadora e só "salvar o capital".
Teme que co proxecto actual tampouco se propoñan reformas laborais xustas. Así mesmo, solicita un control do prezo máximo da enerxía e o gasoil, incrementos nos salarios que permitan recuperar o poder adquisitivo e afrontar o IPC en todos os convenios para que sexa unha cláusula obrigada na negociación colectiva.
Outros delegados do sindicato nacionalista tamén criticaron a inoperancia do goberno estatal e autonómico no ámbito industrial, que destina ao país a unha "crise que se vai a cronificar cada vez máis". A fin de exercer presión contra as políticas industriais de Compostela, anunciaron que a CIG sairá ás rúas a próxima semana "e así unha e outra vez" ata conseguir cambios reais que beneficien ao proletariado.