Este Venres Santo preséntase como unha xornada de transición cara ás altas presións. Durante esta mañá predominarán as nubes baixas nas Rías Baixas, con algún orballo. Durante a tarde comezarán a abrirse grandes claros. As temperaturas experimentarán un lixeiro ascenso situándose entre as 12 e os 26 graos, segundo as previsións do servizo de Meteogalicia. O vento soprará de compoñente norte, moderado pero con intervalos fortes no litoral.
O sábado, Galicia estará situada baixo a influencia anticiclónica. Os ceos aparecerán pouco nubrados ou despexados. As temperaturas mínimas manteranse ao redor dos 13 graos mentres que as máximas ascenderán aos 29 graos en toda a zona das Rías Baixas. O vento soprará do noroeste, entre frouxo e moderado.
Xa durante o domingo 21, Galicia situarase nun punto intermedio entre o anticiclón do norte de Europa e as baixas presións que se rexistran no Mediterráneo, con ventos do noroeste. Os ceos continuarán pouco nubrados ou despexados e as temperaturas descenderán lixeiramente situándose entre os 11 e os 24 graos.
Durante o luns a atmosfera seguirá estable con tempo seco e temperaturas suaves, entre os 10 e os 21 graos. Espérase inestabilidade a partir do martes con probabilidade de choivas.