Despois do éxito acadado no Bosque de Colón o pasado mes de xullo, as visitas teatralizadas que realizan as integrantes de Leucoíña Pasea chegaron este xoves á Casa Museo de Portosanto para repetirse tanto este venres como o sábado, ás 11.30 horas.
Esta iniciativa está impulsada polas concellería de Turismo, ademais da de Pesca e Marisqueo, e está dirixida a difundir, dar visibilidade e poñer en valor estes espazos, ao tempo que se promociona e se dá a coñecer a teoría da orixe galega do histórico navegante.
Estas sesións teñen unha duración aproximada de 90 minutos e están pensadas para participantes de diferentes idades. Durante as mesmas, as protagonistas da historia, dúas periodistas de investigación, comparten os seus descubrimentos e coñecementos sobre a biografía de Cristóbal Colón, facendo fincapé, de xeito dinámico e coa realización de diferentes xogos, a cuestións que respaldan a teoría da súa orixe galega, como os vocablos galegos utilizados nos seus escritos, a presenza do apelido Colón en Pontevedra ou o uso de topónimos de Galicia na chegada ao novo continente, entre outras cuestións.
As persoas inscritas teñen ocasión de coñecer as dependencias da Casa Museo, incluído o edificio principal e a súa biblioteca. Tamén se realiza unha visita á Casa da Cruz. O Concello lembra que para participar nesta actividade, que é gratuíta, requírese inscrición previa, que se pode realizar enviando un correo electrónico a [email protected], indicando nome, apelidos, data seleccionada e teléfono de contacto, así como a idade das persoas interesadas. Tamén é posible obter máis información chamando ao 986833204 ou ao 986833204.
Este ciclo de visitas pecharase o 1 de setembro, ás 19.00 horas, cunha última convocatoria no Bosque. Asemade, a vindeira semana a Casa Museo tamén acollerá obradoiros para toda a familia.
Esta actividade finánciase a través do GALP Ría de Pontevedra, a Consellería do Mar e o Fondo Marítimo Europeo e da Pesca.