Así levan o confinamento catro mulleres activas

Pontevedra
08 de abril 2020

As súas idades oscilan entre os 72 e os 85 anos. Son poboación de risco, pero son mulleres moi activas que nestas semanas cumpren estritamente a máxima de quédache na casa, ocupan o seu tempo de múltiples formas e achégannos os seus consellos

Pepy, Mª del Carmen, Pilar e Fidelina durante a súa participación en marzo en  PontevedraViva Radio
Pepy, Mª del Carmen, Pilar e Fidelina durante a súa participación en marzo en PontevedraViva Radio / PontevedraViva

Fidelina Gómez Rancaño, Pepy González Clavijo, Pilar Braga Crespo e María del Carmen González Lantaño foron o pasado marzo protagonistas dun dos programas das Conversas na Ferrería en PontevedraViva Radio. Elas oscilan entre os 72 e os 85 anos e teñen en común que son mulleres activas do Espazo +60 de Afundación. Quixemos saber como están a vivir este confinamento nos seus respectivos domicilios de Pontevedra.

 Fidelina vive co seu marido. Polas mañás ocupa o tempo facendo tarefas domésticas e exercicio "procuro camiñar por casa", conta. As tardes dedícase a manter o contacto coas súas amizades. Cos compañeiros das diversas actividades que realizaba previamente ao confinamento, por exemplo os universitarios senior, ou amizades que fixo nas súas viaxes fóra de España. A través de internet charlan, póñense música, danse consellos, intercámbianse constumbres dos seus respectivos lugares... É o seu mellor momento do día.

Unicamente sae unha vez á semana a realizar a compra; ou lle achegan ata casa o peixe. Fidelina pode ver á súa neta a través da xanela, xa que viven preto. Bota en falta o seu horto na aldea, as súas clases en Afundación e "os cafés de despois. Alí volverei en canto pase isto". O seu consello é "saír o mínimo e imprescindible, buscar entretementos e ver a información xusta. Hai que amoldarse e levalo o mellor posible".

Pepy y Pilar

Pepy González trata de manter os mesmos hábitos, pero coas limitacións de estar na súa casa, onde vive soa. "Nada de pixamas, eu prepárome todos os días", cóntanos "fago a miña ximnasia, leo, escribo e pinto", engade, de feito o seu mellor momento do día é cando se enfrasca nas súas lecturas. Cada cinco días sae a facer a compra, apuntando que ten a sorte de dispoñer de diversos establecementos de alimentación na mesma rúa e mesmo, os domingos un veciño faille chegar a prensa.

Mantén o contacto coa súa contorna por whatsapp e chamadas telefónicas porque a videollamadas non lle gustan. Fala coa súa familia, que viven dentro e fóra de España; cos seus fillos, netos e biznietos; e coas amizades que ten repartidas pola xeografía española. O seu consello: "Non hai que ofuscarse, outros están peor"

Pilar Braga anticipouse ao confinamento decretado polo Goberno. Leva sen saír de casa co seu marido desde o 12 de marzo. A primeira boa noticia que nos dá é que el mellorou moito da súa enfermidade. Ademais dos seus coidados, Pilar mantense todo o activa que pode: "paseos pola terraza, ximnasia por Youtube, cociño e fago sobremesas" e tamén se sumou a facer o seu propio pan!. Os seus fillos axúdanlle a traer a compra e os medicamentos que requiren da farmacia fanllos chegar. 

Mantén o contacto coas súas amizades por whatsapp e teléfono. E os seus mellores momentos do día teñen tres horas: a unha, as sete e as oito da tarde. As dúas primeiras son as citas diarias dos concertos que lles ofrecen desde o patio interior á veciñanza, Cristina co seu violoncelo, así como a súa filla Pili e a súa parella Rai. "Estes días a miña filla está con dor de garganta, así que lle demos vacacións de Semana Santa", chancea; e finalmente o aplauso comunitario diario desde a xanela. O seu consello: "non saír para nada, é o esencial, así o bicho non ten por onde meterse. Moita paciencia, non cabrearse e estar tranquilos".

María del Carmen

María del Carmen tamén vive co seu marido. O whatsapp e o teléfono non pairan "nunca carguei tanto o teléfono como estas semanas!", fala cos seus dous fillos que viven fóra de Pontevedra e coas amizades que pola súa traxectoria profesional ten dispersas por todo o mundo. Retomando contactos mesmo que facía tempo non mantiña "nestes momentos difíciles lembras a moitas persoas e queres saber como están". Hai ocasións nas que as noticias que lle chegan non son satisfactorias e a súa disposición para axudar ata lle fai exporse que "se teño que chamar á Policía para que me tivesen que dar un permiso para que con todas as garantías de protección e seguridade puidese saír para axudar, fágoo".

Ocupa o tempo con actividades de lectura, sudokus, ganchillo, ... e tamén con exercicio físico coa bicicleta estática, bailes a través de vídeos, pero para unha persoa como ela afeita camiñar dez ou doce quilómetros diarios, o confinamento está a ser duro de levar "e máis aínda os días nos que fai sol". As únicas saídas que fai de cando en vez e alternándose co seu marido, son á compra ou o breve paseo do can. O seu consello: "quedarse na casa, hai que ser conscientes da situación e facer o que se nos di".