A pesar de que, segundo Audasa, non teñen constancia da caída de cascallos desde a ponte da AP-9 en Mollavao, a concesionaria da autoestrada comprometeuse a resolver as deficiencias detectadas no viaduto. Non será, en todo caso, ata o verán.
Así llo trasladaron responsables de Audasa ao Concello de Pontevedra, despois de que os servizos técnicos abriran un expediente polos problemas denunciados polos veciños.
A compañía, segundo o edil de Mobilidade, Demetrio Gómez, está preparando concretamente a reparación do bordo no que se desprenderon os materiais.
"Esperamos que eses traballos sexan a tempo e continuaremos atentos a calquera problema que poida xurdir para que esta instalación estea en perfectas condicións e que non sexa un perigo para as veciñas e para os veciños desta cidade", engadiu o concelleiro.
Hai dous días, os inspectores municipais visitaron a zona de Mollavao, baixo a ponte da autoestrada para facer unha inspección do taboleiro da AP-9 ao paso por este barrio da cidade, respondendo ás queixas veciñais que alertaban da caída de cascallos.
Na visita detectaron as deficiencias que se puxeron en coñecemento de Audasa co obxecto de demandar as reparacións necesarias e tamén protexer a seguridade das persoas e dos bens.