A aula itinerante da campaña de Sogama "Separa. Depende de ti", fai escala en Poio

Poio
17 de xuño 2025

Situada no Pazo de Ferreirós, está ao dispor dos transeúntes para explicarlles como separar os residuos en orixe e cal é o contedor de destino para cada tipoloxía

Campaña de Sogama "Separa. Depende de ti"
Campaña de Sogama "Separa. Depende de ti" / SOGAMA

A aula itinerante da campaña formativa e de concienciación ambiental impulsada por Sogama baixo o título "Separa. Depende de ti", fixo escala hoxe no municipio de Poio (Pontevedra), concretamente no Pazo de Ferreirós, para instruír aos veciños no bo uso dos contedores de recollida selectiva. A pretensión é reducir a presenza de impropios nos mesmos, é dicir, os residuos incorrectamente depositados e que acaban limitando e entorpecendo a posterior reciclaxe do resto.

A través dunha serie de paneis e gráficas, monitores especializados explican aos transeúntes como separar os residuos en orixe e cal é o contedor de destino para cada tipoloxía, advertindo que a presenza de elementos impropios pode acabar estropeando o traballo realizado polo resto dos cidadáns e imposibilitando unha reciclaxe de calidade. Dunha forma visual, e empregando o concepto das manchas, preténdese mostrar que clasificar residuos é tan sinxelo coma non mesturar cores.

O concelleiro de Medio Ambiente de Poio, Manuel Domínguez, foi o primeiro en chegar ao posto divulgativo para comprobar de primeira man a posta en escena e actividades a executar no mesmo.

A carpa está equipada cunha serie de urnas con bólas de cores, que representan aos 5 contedores principais (amarelo, para envases de plástico, latas e briks; azul, para papel e cartón; iglú verde, para vidro; marrón, para materia orgánica; e gris, para fracción resto), nas que os participantes deberán identificar a bóla de distinta cor e que identificaría un impropio. Unha vez realizado o itinerario por todas as urnas, responderán a unha serie de preguntas formuladas polos educadores e a través das cales se avalía o grao de coñecemento sobre recollida selectiva de residuos.. Para os que acerten, hai agasallos e sorpresas.

As explicacións dos monitores esténdense tamén ao resultado do labor cidadán, xa que proporcionan información relevante sobre o que acontece cando clasificamos axeitadamente e cando non. No primeiro caso, os residuos convértense en recursos valiosos para a fabricación de novos produtos, redúcese a necesidade de extraer da natureza materias primas virxes, diminúe a contaminación e xéranse postos de traballo. No segundo caso, contamínanse os refugallos correctamente separados e, polo tanto, complícase e retárdase o proceso de recuperación, encarecéndoo. Separar os impropios require tempo e diñeiro extra, coa particularidade de que se perden materiais que poderían transformarse en novos artigos de utilidade.

 

EXEMPLOS E CURIOSIDADES

Para afianzar coñecementos, os monitores utilizan exemplos e curiosidades. Por exemplo, que cada tonelada de cartón reciclado aforra o equivalente á enerxía que necesita un fogar durante 6 meses; que reciclar 3 botellas de vidro aforra a enerxía que se necesita para cargar un teléfono móbil durante todo un ano; que se necesitan 500 anos para que unha botella de plástico se degrade na natureza; ou que por cada tonelada de briks reciclados pódese aforrar ata 1,5 toneladas de madeira.

 

Toda la información en https://www.sogama.gal/es/separa-depende-de-ti

Campaña de Sogama "Separa. Depende de ti"
Campaña de Sogama "Separa. Depende de ti"SOGAMA
Campaña de Sogama "Separa. Depende de ti"
Campaña de Sogama "Separa. Depende de ti"SOGAMA
Campaña de Sogama "Separa. Depende de ti"
Campaña de Sogama "Separa. Depende de ti"SOGAMA
Campaña de Sogama "Separa. Depende de ti"
Campaña de Sogama "Separa. Depende de ti"SOGAMA
Campaña de Sogama "Separa. Depende de ti"
Campaña de Sogama "Separa. Depende de ti"SOGAMA