O auxe do turismo segue a medrar, cun aumento do 21% dos visitantes en xullo

Pontevedra
04 de agosto 2025

Anabel Gulías: "A Boa Vila encara o reto de manterse como un destino de calidade, respectuoso e sostible, que non rache a convivencia e hospitalidade dun pobo que dá de beber a quen pasa"

Turistas polas rúas de Pontevedra Cristina Saiz

O auxe do turismo detectado nos últimos meses está consolidándose en Pontevedra e no mes de xullo rexistrou cifras moi superiores ás de anos anteriores

Atendendo aos balances mensuais da Oficina de Turismo de Pontevedra, atendeu a máis de 13.500 visitantes no mes, un 20,88 % máis que en xullo do pasado ano.

Malia ser unha análise parcial de situación, pois recolle datos só dos visitantes que se achegan á oficina, a cifra permite detectar tendencias que logo confirman outros estudos.

Deses turistas que se achegaron pola Oficina de Turismo, 11.835, case nove de cada dez, tiñan orixe nacional e Madrid, Andalucía, e Castela-León foron os lugares de procedencia máis numerosos.

Os 1.694 restantes eran estranxeiros. Foron un 26,13 % máis que en xullo do pasado ano.

Estes visitantes foráneos proceden, fundamentalmene, de Estados Unidos, Francia, Portugal, Italia e Alemaña.

As profesionais da empresa municipal Turismo de Pontevedra atenderon en xullo unha media de 436 visitantes ao día, fronte aos 240 diarios atendidos no mes anterior, cando pasaran pola oficina un total de 7.470 visitantes.

Polas oficinas tamén pasan pontevedreses e pontevedresas que buscan información sobre actividades e eventos da cidade e, ás veces, mapas e datos turísticos para compartir.

En xullo, foron 3.407 as pontevedresas e pontevedreses atendidos, un 257,13 % máis que en xullo de 2024. Esta cifra multiplica por 12 o volume de locais do mes de xuño e amosa o interese pola programación festiva do verán e que xa son un referente informativo para a cidadanía.

A concelleira delegada de Turismo de Pontevedra, Anabel Gulías, considera que estas cifras confirman que "Pontevedra está na moda e gaña peso nos mapas turísticos de Galicia e España".

Con máis visitantes e ao alza, máis pernoctacións e ofertada como visita "obrigada" por axencias de viaxe, hoteis, revistas especializadas, oficinas turísticas, Gulías considera que "a Boa Vila encara o reto de manterse como un destino de calidade, respectuoso e sostible, que non rache a convivencia e hospitalidade dun pobo que dá de beber a quen pasa".