Tras aprobarse definitivamente o estudo de viabilidade da concesión do servizo público de abastecemento de auga potable e saneamento ao non terse presentado ningunha alegación, o goberno local levará ao pleno do Concello de Poio deste mes a estrutura de custes e a ordenanza reguladora da prestación do servizo, dous documentos que contan con todos os informes favorables dos técnicos municipais e son paso previo e imprescindible antes de iniciar o proceso de licitación e adxudicación.
Con respecto á estrutura de custes da actividade, cumpriuse o procedemento establecido: solicitouse unha proposta de custes a oito operadores do sector -a lei marca que como mínimo sexan cinco- e elaborouse baixo criterios técnicos e desde a proximidade á realidade do servizo de Poio.
O documento establece a base económica que sustentará o futuro contrato, incluíndo os gastos de persoal, mantemento e conservación da rede, controis de calidade da auga, compra da auga, xestión de residuos, enerxía eléctrica e outros custes, así como os investimentos a realizar nos primeiros anos de contrato e que ascenden a máis de 15 millóns de euros para ampliar a rede destes servizos básicos en todo o municipio.
A ordenanza reguladora da prestación do servizo de abastecemento e saneamento inclúe a tarifa que deberán aboar os usuarios e que diferencia segundo os tipos de usos, de xeito que un particular non abona o mesmo que un uso comercial ou industrial.
No que respecta aos domésticos, a cota fixa establecerase en 7,43 euros para o abastecemento de auga (na actualidade pagan 8,38 euros) e para a rede de sumidoiros o prezo fixo pola prestación do servizo para os usos domésticos será de 14,74 euros (agora o recibo é de 15,32 euros).
Desde o goberno local sinalan que é unha "prioridade" seguir dando pasos para completar toda a xestión previa a licitar este contrato da auga e solucionar unha "situación herdada, cunha empresa que xa non ten contrato desde hai anos e que está funcionando en precario".
Así, recordan que "un bo contrato de auga é fundamental non só para prestar o mellor servizo para a veciñanza e garantir a calidade da auga, senón tamén para completar todos eses investimentos necesarios e importantes para ampliar ou renovar as redes de servizos básicos en todo o municipio".
Os investimentos, como xa se aprobaron en pleno, darán prioridade ás zonas de Vilariño e Fragamoreira, dous núcleos importantes de poboación que carecen de saneamento e abastecemento de auga, así como á zona da Caeira, onde as roturas son constantes debido ao mal estado da rede.
Segundo o cronograma que se inclúe, os investimentos realizaranse ao longo dos catro anos iniciais do contrato. Así, no primeiro ano investirase 4,6 millóns de euros para dotar de servizos a Vilariño-Fragamoreira, nas rúas San Antoniño, Río Miño e Illa de Ons.
No segundo ano, o investimento superará o 3,4 millóns de euros, para mellorar as redes na Bouza (Samieira), na rúa Illa de Tambo, nos camiños Lubiáns, travesías 2ª e 3ª de Lubiáns, Fogueteira e Campo Loncras, na marxe esquerda da PO-308 entre Covelo e Combarro; no camiño de Bocas e avenida de Colón ou rede de pluviais en rúa Coruxa e camiño Real do Casal.
No ano tres, destinaranse 2,3 millóns de euros para mellora do camiño Os Mouchos, da Cachada, travesía de Lubiáns, camiño Monte do Cura, na marxe dereita da PO-308, entre Chancelas e Raxó, na PO-308 entre o cemiterio e o Remo e a avenida da Praia.
Por último, no cuarto ano, o investimento a realizar ascende a 1,3 millóns de euros, entre as que están enlace da Escusa e Río Mouro co saneamento existente, rede de saneamento na Escusa, en río Mouro e Río Mouro pequeno.
Todas estas son actuacións de obrigado cumprimento no novo contrato e, a maiores, entre as melloras incluirase tamén o novo depósito ETAP e conexión no Sartal, cun orzamento de 3,8 millóns de euros.