O goberno municipal atópase "afinando" o proxecto para mellorar a mobilidade na rúa Benito Corbal, entre Cobián Areal e Sagasta. Así o adiantou o concelleiro de Obras, Demetrio Gómez, que asegurou que está "practicamente acabado" e será presentado "en cuestión de semanas".
Descartada a plataforma única para esta zona -opción pola que se decantaba no seu día o Concello-, o proxecto para Benito Corbal contempla como eixos a ampliación das beirarrúas, xa que as actuais "non dan" para soportar o "elevado" tránsito de peóns na zona, e que os vehículos se manteñan "confinados" nun único carril de circulación.
Demetrio Gómez explicou que, con respecto ás prazas de aparcadoiro -actualmente 51-, preténdese deixar unha única fila, situada na marxe dereita da rúa, e que deixen de ser de uso libre e se convertan en estacionamento de servizos.
Esta actuación completarase coa reforma da rúa Lepanto. Neste caso "ten pinta", segundo o edil do BNG, que acabará con plataforma única, xa que entende que o escaso ancho da rúa impide que se aposte por outro modelo. En todo caso, garantiu que o anteproxecto se presentará o próximo mes de marzo.
Para terminar de definir ambos os proxectos de reforma, os servizos técnicos tiveron en conta os datos dos aforadores da Policía Local que, ao longo do pasado mes de decembro, estiveron medindo a presión diaria de vehículos que soporta esta área urbana.
Este último nadal foi, segundo Demetrio Gómez, o que "mellor funcionou" en materia de tráfico con só un día -o 27 de decembro- no que foi necesario articular cortes e desvíos da circulación para garantir a mobilidade.
O Concello puxo especial atención en dous puntos: o ámbito da reformada praza de Barcelos e o tramo de Benito Corbal que vai da rúa Cobián Areal a Sagasta.
A rúa Pai Gaite, de acceso á praza de Barcelos, rexistra o paso de ao redor de 9.500 vehículos ao día, cifra que aumentou ata os 11.000 coches diarios en Nadal. De todos eles, uns 1.500 tiñan como destino a propia praza, 2.600 seguiron o seu camiño por Fernando Olmedo e o resto foi cara San Antoniño.
Estas cifras demostran, segundo Demetrio Gómez, o acerto da actuación en Barcelos, que permitiu que tan só un 15% dos condutores cheguen á praza para aparcar, limitando o resto de tránsito aos tráficos de necesidade: residentes e servizos.
Con respecto a Benito Corbal, desde Cobián Areal chegan en días laborais unha media de 8.900 vehículos, dos cales case 5.000 cruzar toda a rúa ata Sagasta. O resto, "pérdese no camiño". É dicir, son coches que baixan cara Barcelos, quedan en garaxes ou estacionan na rúa. Estes últimos son os vehículos que se queren eliminar con esta reforma urbana.