O Nadal xa se deixa sentir na Boa Vila. Este sábado, o séquito de Papá Noel tomou o centro urbano subido a zancos e patíns, percorrendo rúas e prazas para anunciar que a súa gran chegada está cada vez máis preto.
O desfile sorprendeu a veciños e visitantes e serviu como pistoletazo de saída a unha fin de semana marcada polo ambiente festivo.
A xornada viviuse na rúa e en familia. No Mercado de Abastos, pequenos e maiores participaron nun obradoiro para crear coroas do Nadal, unha actividade que mesturou creatividade e risas.
Tras varios días de choiva, o bo tempo permitiu por fin gozar da iluminación decorativa, que moitos non puideran ver en condicións desde o seu acendido a principios de mes.
Pasear para contemplar as luces e sacarse fotos coa decoración instalada en prazas e rúas converteuse nun dos plans favoritos da fin de semana.
Os espazos máis concorridos foron o Poboado de Nadal da Praza da Ferraría e as pistas de xeo da Alameda e a Praza de España, acompañadas de tobogáns e a Estación do Bosque.
Alí, familias e visitantes patinaron, xogaron e deixáronse levar por un ambiente festivo que se manterá nas próximas semanas.
Todo forma parte dun programa do Nadal que seguirá enchendo Pontevedra de animación e concertos até a chegada dos Reis Magos.