Briallos prepárase para a romaría de San Blas

Umia
19 de xaneiro 2019

A romaría de San Blas terá o seu día grande o domingo 3 de febreiro, pero empezará a festexarse xa desde este venres 25 de xaneiro coa recuperación da tradicional novena

Festa de San Bieito de Briallos, en Portas
Festa de San Bieito de Briallos, en Portas /

A parroquia de Briallos, en Portas, prepárase xa para a celebración da romaría de San Blas, que terá o seu día grande o domingo 3 de febreiro, pero empezará a festexarse xa desde este venres 25 de xaneiro coa recuperación da tradicional novena

O 25 de xaneiro empeza a novena en honra de San Blas, con misas todos os días ás 18.00 horas na igrexa parroquial de Briallos. Fontes veciñais apuntan a que hai máis de 50 anos que non se celebra e recuperarase este 2019.

Durante os dous principais días de festexos, sábado e domingo, seguirase a tradición de ter 'fanchucos' (pans con forma entrelazada) bendicidos de San Blas a disposición dos asistentes. A tradición relixiosa tamén incluirá a bendición das gargantas con aceite ao finalizar cada misa e este ano, por primeira vez, poderase adquirir o aceite bendicido do Santo.

O sábado 2 de febreiro, véspera do día grande dos festexos, haberá unha tirada de fogos e un repique das campás da igrexa de Briallos pola mañá e ás 18.00 horas será o último día da novena cunha misa cantada que finalizará coa tradicional procesión nocturna de velas ata a 'Bouza de San Blas'. Acompañará a procesión o grupo de gaitas Maquía de Godos.

A partir das 19.30 horas, haberá unha gran chocolatada con churros no local veciñal situado no albergue de peregrinos de Briallos. A festa estará amenizada polo Dúo Estrelas de Vilalba, coñecido por ser 'recanteiros' do programa Luar da Televisión de Galicia. 

O domingo 3 de febreiro a festa empezará xa pola mañá cunha nova tirada de fogos e repique de campás. Os actos relixiosos celebraranse pola mañá ás 10.00, as 11.00 e as 12.30 horas e pola tarde ás 18.00 e as 19.00 horas. Todas serán misas rezadas excepto a das 12.30 horas, a misa solemne, que estará cantada polo coro parroquial de Briallos e seguiraa a procesión.

Haberá sesión vermú no local veciñal do albergue de peregrinos de Briallos amenizada polo grupo de gaitas Domingo Fontán de Portas, que actuará durante todo o día (entre misa e misa, na misa cantada e na procesión). Xa ás 20.00 horas haberá un concerto musical a cargo da coral polifónica Cánticos de Amil tamén no local veciñal do albergue.