Bueu celebrará o 21 e 22 de xuño a Festa das Alfombras Florais do Corpus

Bueu
09 de maio 2025

Haberá actos relixiosos, música, e exposición de fotos antigas. Ademais, a partir deste venres abrirase o prazo para anotarse nos bonos comercio por elaboración de alfombras

Presentación do programa da Festa das alfombras florais do Corpus 2025
Presentación do programa da Festa das alfombras florais do Corpus 2025 /

A vila de Bueu celebrará o 21 e 22 de xuño a Festa das Alfombras Florais do Corpus, na que os tradicionais tapices florais lucirán polas principais rúas do casco urbano.

"Este ano queremos incrementar a participación e que a veciñanza se anime a facer alfombras nesta festa tan bonita", dixo Carmen García, concelleira de Cultura, na rolda de prensa celebrada este xoves na que tamén estiveron presentes alfombristas tanto da Asociación Cunchas e Flores como do Colectivo Independente de Alfombristas, así como Félix Juncal, alcalde, e Xosé Leal, edil de facenda. 

A imaxe gráfica deste ano é obra do artista local Marc Taeger e nos dous carteis deseñados tentou reflictir o colorido das alfombras e a participación de todo un pobo.

A programación da festa, declarada como de Interese Turístico Galego, desenvolverase o domingo, 22 de xuño, aínda que a elaboración de alfombras comezará xa a partir da tardiña anterior, concretamente ás 18 horas. Ademais, ese día a partir das 9.00 horas da mañá realizarase unha alfombra infantil na rúa Eduardo Vincenti. 

Xa o domingo, a charanga Noroeste amenizará ás rúas da vila, e ás 12 horas, terá lugar na Igrexa de San Martiño de Bueu a misa cantada pola Coral Polifónica de Bueu con posterior procesión ao redor do templo.

Ás 18 horas, na capela de San Xosé desenvolverase a adoración eucarística seguida de procesión coa Banda de Música Artística de Bueu e que decorrerá polas rúas Pazos Fontenla, Francisco Escáneo, Montero Ríos, Eduardo Vincenti e volta á capela.

Pola noite, a partir das 21 horas, no aparcadoiro de As Lagoas será a verbena coa orquestra La Oca Band.

Durante a fin de semana, o Concello tamén organizará nos xardíns da Igrexa e na Sala Amalia Domínguez Búa dúas exposicións de fotos antigas nas que se poderá ver a evolución histórica desta festa e das persoas que participaron nela ao longo do tempo.

BONOS COMERCIO

O Concello de Bueu continúa traballando para incrementar a participación na festa e por iso outorgará bonos comercio para as persoas e colectivos que elaboren tapices florais

A principal novidade é que se incrementan as contías con respecto ao pasado ano, e que se outorgarán bonos que varían segundo as dimensións das alfombras: 250 euros para as de 3x15 metros; 200 para as de 3x10 metros; e 150 para as de 3x5 metros.

O prazo para participar ábrese este venres, 9 de maio, e estenderase ata o 19 de xuño, e o procedemento será entregando o formulario na Concellaría de Cultura de forma presencial ou enviándoo a través do enderezo electrónico [email protected]

Os bonos están dirixidos a aquelas persoas ou colectivos que realicen as alfombras o 21 de xuño dentro do percorrido marcado para a festividade, que abrangue as rúas de Pazos Fontenla, Eduardo Vincenti, Montero Ríos, Francisco Escáneo, e a Igrexa de San Martiño de Bueu. Ademais, e segundo se establecen nas bases, o Concello poñerá a disposición das persoas que o necesiten materiais como verde, cunchas de berberecho e papel.

TRADICIÓN

A festa das alfombras conta con máis dun cento de anos de antigüidade, aínda que o auxe desta tradición podería situarse entre as décadas de 1940 e 1950. Un dos costumes que máis lembra a veciñanza da vila son as recoñecidas carrozas que desfilaban na procesión e que se preparaban na antiga carpintaría da fábrica Massó, que deixou de realizarse a comezos dos 70 co peche da conserveira.

Hai que salientar que a Festa das Alfombras de Bueu foi declarada como de Interese Local no ano 2002 e desde o 2017, é Festa de Interese Turístico Galego pola Axencia Galega de Turismo.