A Oficina Municipal de Información ás Persoas Consumidoras (OMIC) de Bueu formalizará finalmente unha demanda colectiva para a reclamación de gastos hipotecarios a 400 persoas prexudicadas.
Esta demanda é resultado de case dous anos de traballo recollendo os datos e documentación; e finalmente os expedientes de reclamación de gastos chegarán á vía xudicial.
Con esta demanda, a OMIC agarda recuperar preto dun millón de euros das 400 persoas que o solicitaron.
A partir deste luns, 13 de outubro, dende a oficina comezarase a chamar a todas as persoas reclamantes dende o número 986324625, polo que se lembra que as persoas deberán ter a man calquera xustificante bancario para facilitar a tramitación.
Dende a OMIC indicarase a cantidade a reclamar segundo as facturas achegadas, así como a documentación que faga falta completar e pedirase autorización para a presentación da vía xudicial.
Dado que se dispón dun gran volume de expedientes, dende o consistorio prégase á cidadanía que teña paciencia, pois chamarase ao longo das próximas semanas.
Para evitar a saturación, as persoas reclamantes deberán agardar pola chamada e non adiantarse.
Félix Juncal, alcalde de Bueu, e Silvia Carballo, concelleira de promoción económica, turismo e consumo, salientan que esta demanda demostra que a aposta que fixeron no seu momento pola apertura da oficina de atención ás persoas consumidoras é "moi favorable".
Esta oficina ofrece un servizo que presta axuda, asesoramento e mediación e permite defender ás persoas máis vulnerables non só de forma individual senón a través de demandas colectivas.
A OMIC iniciou en febreiro do 2024 unha demanda colectiva para reclamar os gastos hipotecarios, que inclúe os de rexistro, taxación e xestoría e a metade dos de notaría.