Café Fidel gaña a oitava edición do Caldelas Tapas

Ponte Caldelas
20 de agosto 2022

Carlos, Moncho e o equipo do Café Fidel recibiron de mans do alcalde o galardón

Entrega do premio do concurso Caldelas Tapas
Entrega do premio do concurso Caldelas Tapas / Concello de Ponte Caldelas

O establecemento hostaleiro Café Fidel, coa súa tapa ‘Carpaccio Fidel’, foi o local gañador da oitava edición do Caldelas Tapas, o evento gastronómico que dinamizou os venres do mes de xullo de Ponte Caldelas. 

O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, e o concelleiro Pepe Garrido, entregaron a Carlos, Moncho e ao resto do equipo do Café Fidel o galardón: a figura dun cociñeiro que os acredita como vencedores da oitava edición do concurso gastronómico.

O pasado 29 de xuño tivo lugar a cata das 11 tapas participantes no concurso polo xurado profesional, composto por Pepe Vieira, Conchi Amoedo e Ángeles Míguez ‘Lita’ e o xurado, logo de probar todas as propostas, dictaminou o gañador e o seu veredicto gardouse nun sobre pechado, que se abriu o pasado 5 de agosto. 

Carlos Piñeiro, xerente do Café Fidel, e Moncho, encargado da cociña, amosáronse ilusionados polo premio, que xa loce na estantería principal do establecemento.