El Cafetín, As Greas e Gumer triunfan nun Pontedetapas xa consolidado que aumentou vendas

Pontevedra
22 de decembro 2025
Actualizado: 23 de decembro

A proposta 'O canto do Galo (tributo ao Galo Celta)' de El Cafetín, que gañou o premio do público, representará a Boa Vila no 'Sete cidades, sete sabores' de Turismo de Galicia

Entrega do premio de Pontedetapas 2025 a El Cafetín
Entrega do premio de Pontedetapas 2025 a El Cafetín / Concello de pontevedra

Os locais El Cafetín, As Greas e Gumer foron os grandes gañadores da última edición de Pontedetapas, un concurso que chega cada outono á cidade e está xa tan consolidado que non para de aumentar participantes.

Durante a celebración de Pontedetapas 2025, experimentouse un importante aumento das unidas servidas polos establecementos pontevedreses. 

Así, segundo os datos facilitados polo Concello de Pontevedra, vendéronse preto de 18.800 tapas, o que supón máis de 6.800 máis respecto da edición de 2024.

Os establecementos premiados no certame deste 2025 coñecéronse este luns nun acto público celebrado no Teatro Principal coa presenza do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e a edil de Promocion Económica, Anabel Gulías.

El Cafetín de la Alameda repetiu éxito e, un ano máis levou o premio do público coa súa proposta 'O canto do Galo (tributo ao Galo Celta)'. Acadou un total de 8.289 puntos.

Este premio significa que a proposta é nomeada Tapa Pontevedra e representará a Boa Vila no 'Sete cidades, sete sabores' de Turismo de Galicia, concurso no que compiten os gañadores dos concursos gastronómicos das sete grandes cidades galegas.

No premio do público, o segundo clasificado foi Tabula Rasa, coa tapa creativa 'Porco_Cabuxa FESTA' (6.364 puntos) e o terceiro, Trasmallo coa tapa creativa 'XardAldán' (4.146 puntos).

Entrega do premio de Pontedetapas 2025 a As Greas
Entrega do premio de Pontedetapas 2025 a As GreasConcello de Pontevedra

O premio do xurado foi para As Greas, co bocado 'Dumpling de cocido co seu caldo', na categoría de mellor tapa creativa; e Gumer, co bocado 'Guiso de luras', como mellor tapa tradicional. A Gramola, con 'Es-Pera... o no?', levou o premio ao mellor cóctel.

Estes tres premios do xurado presentarán as súas creacións na feira do gourmet galego Etiqueta Negra 2026.

Na categoría creativa, o segundo premio foi para Trasmallo con 'XardAldán' e o terceiro para El Cafetín con 'O canto do Galo'.

Na categoría tradicional, os premios segundo e terceiro foron para Loaira con 'Bágoa de pescada en salsa verde' e Pintxoviño con 'O Porquiño'.

Entrega do premio de Pontedetapas 2025 a Gumer
Entrega do premio de Pontedetapas 2025 a GumerConcello de Pontevedra

Na categoría cóctel, para Icewolf con 'Meigallo de Mazá' e A Gramola con 'Agarimo'.

O premio á Mellor maridaxe con caña de Estrella Galicia, que concede Hijos de Rivera, recaeu en Loaira coa súa tapa 'Bágoa de pescada en salsa verde'.

O xurado estivo formado por Inés Cameselle, chef do restaurante Casa Ces; Iris Martínez, encargada de sala do restaurante Rokuseki; os profesores de Cociña e Restauración do CIFP Carlos Oroza Paco Orge e Marcel Schaal; e o xornalista Serafín Alonso.

Tapa 'O canto do Galo (tributo ao Galo Celta)' de El Cafetín
Tapa 'O canto do Galo (tributo ao Galo Celta)' de El CafetínPontevedraViva