Calacús e lápidas nos xardíns da Ferrería e a Praza de España lembran que estamos no Samaín

Pontevedra
29 de outubro 2020

A iniciativa enmárcase no proxecto ‘Xardíns que falan’, que busca converter os espazos verdes en elementos vivos, dinámicos e con mensaxe

Decoración de Samaín na praza da Ferrería
Decoración de Samaín na praza da Ferrería

Coincidindo co Samaín, os xardíns das prazas de España e A Ferrería mudaron este xoves os buxos de cores coa bandeira LGTBI que exhibían ata a data por un decorado de Samaín, cos tradicionais calacús, ourizos de castaña, lápidas de pedra, teas de araña, pacas de palla, corvos e outros seres do máis aló.

Esta decoración está enmarcada dentro do proxecto da Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural 'Xardíns que falan', que busca converter os espazos verdes de Pontevedra en elementos vivos, dinámicos, temáticos e con mensaxe.

O tenente de alcalde, Tino Fernández; a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, e o concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, acudiron a velo, comentando o primeiro que "se a bandeira LGTBI xa tivo moitísimo éxito, con pontevedreses e visitantes sacándose fotografías case todos os días, o resultado deste decorado é tan abraiante que vai despertar sen dúbida as paixóns dos amantes dunha festa tan nosa como o Samaín".

Iván Puentes avanzou que "os xardíns da cidade seguirán 'expresándose', 'falando', en distintas festividades e causas sociais", proxectando unha intervención "máis chamativa que a deste ano para as conmemoracións LGTBI".

As cabazas retiraranse a vindeira semana.