Caldas presume da doutora Reyes Ferreiro, eminencia nacional no cancro colorrectal

Umia
12 de abril 2022

Un "orgullo" para todo Caldas e un "referente" para a mocidade da vila. Así se referiu este martes o alcalde Juan Manuel Rey á doutora Reyes Ferreiro Monteagudo, natural do municipio, unha das expertas de maior renome en España no cancro colorrectal

Reyes Ferreiro e Juan Manuel Rey
Reyes Ferreiro e Juan Manuel Rey / Concello de Caldas de Reis

Un "orgullo" para todo Caldas e un "referente" para a mocidade da vila. Así se referiu este martes o alcalde Juan Manuel Rey á doutora Reyes Ferreiro Monteagudo, natural do municipio, unha das expertas de maior renome en España no cancro colorrectal.

Esta médica e investigadora do servizo de Oncoloxía Médica do Hospital Universitario Ramón y Cajal de Madrid ten máis de trinta traballos publicados en revistas científicas e xa obtivo no ano 2012 o premio á mellor médico residente da súa promoción. 

De volta en Caldas para unhas merecidas vacacións, a doutora foi recibida polo rexedor, que lle agradeceu que leve o nome de Caldas de Reis nos seus ámbitos profesionais e científicos.

Durante esta recepción, Reyes Ferreiro explicou que a concienciación e a educación social da poboación sobre este cancro son, xunto á promoción de hábitos de vida saudables e os programas de prevención, fundamentais na loita contra o mesmo.

"Os programas de cribado colorrectal entre a poboación contribúen a aumentar as taxas de detección precoz e poden salvar moitas vidas", afirmou a especialista, que recordou que este cancro é o segundo que máis mortes causa no noso país.

A Sociedade Española de Oncoloxía Médica estima que ao longo deste ano diagnosticaranse desta enfermidade a 43.000 persoas en España.