O Concello de Caldas de Reis dará un novo paso na creación do Centro de Recepción de Visitantes da Carballeira e o Xardín Botánico, que se situará no actual edificio do auditorio da avenida Román López.
A actuación principal será a instalación dun ascensor, que garantirá a mobilidade entre os tres andares do inmoble e permitirá o acceso universal a todas as persoas.
O proxecto, cun orzamento próximo aos 68.000 euros, sairá a licitación a próxima semana.
Trátase dunha actuación que forma parte das primeiras actuacións do novo "Museo Aberto 24/7", impulsado pola empresa UTE Atlantic-Trivium Caldas.
Segundo explica o tenente de alcalde Manuel Fariña, o centro servirá para complementar a visita á Carballeira e ao Xardín Botánico, ofrecendo unha experiencia máis completa e innovadora.
O espazo, de 200 metros cadrados, contará cun investimento adicional de máis de 250.000 euros para a súa musealización e incluirá tamén un sistema domotizado de acceso automático.
"Converter o edificio nun espazo accesible é a mellora máis importante que podemos acometer", sinala Fariña, quen lembra que o Concello continúa traballando en paralelo noutras actuacións na Carballeira para cumprir os prazos da súa reforma.
O futuro centro abordará todas as dimensións: cultural, social e natural, deste Ben de Interese Cultural, destacando a historia e memoria viva da Carballeira, os seus valores ambientais e o seu papel como símbolo da vida cidadá de Caldas.