Un ano máis, o Concello de Caldas de Reis únese ao Programa Integrado de Emprego (PIE), unha iniciativa cofinanciada pola Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, e polo Servizo Público de Emprego Estatal.
As edicións anteriores deixaron moi bos resultados, cun alto grao de inserción laboral entre as persoas participantes. O programa está dirixido a persoas inscritas como demandantes de emprego que cumpran algún dos seguintes requisitos: ter algunha discapacidade, estar en risco de exclusión social ou ser beneficiarias da RISGA, ser maiores de 52 anos, menores de 30, mulleres ou persoas inmigrantes.
Ademais de Caldas de Reis, tamén participan nesta nova edición os concellos de Cuntis, Barro, Portas, A Estrada e Moraña, o que permite crear unha rede comarcal de apoio ao emprego.
As persoas censadas en Caldas de Reis que queiran anotarse nalgunha das actividades do programa poden solicitar máis información no Centro de Información á Muller (CIM), nas dependencias de Servizos Sociais ou chamando ao teléfono 986 530 814.
O alcalde, Jacobo Pérez Gulín, destacou a relevancia deste tipo de proxectos e recoñeceu a implicación das empresas locais, que cada ano colaboran no desenvolvemento do programa.
O municipio pecha o ano cun índice de desemprego inferior ao 8,5%, seis décimas menos que a finais de setembro, unha cifra "moi significativa se lembramos que antes da crise de 2008 superabamos o 15%", subliña o alcalde.
Nesta nova edición do PIE, as persoas participantes poderán acceder a un amplo abano de accións formativas, pensadas para mellorar as súas competencias e facilitar a súa inserción laboral.
Entre elas destacan: Loxística e organización de almacén; Técnicas de venda en froitería, peixería e carnicería; Operativa de caixa e terminal en punto de venda; Desenvolvemento de habilidades sociais e busca eficaz de emprego; Clases de informática; Condución de carretas elevadoras; Soldadura; Manipulación de alimentos e Mantemento e fontanería.