Cambio nas rúas de Pontevedra: Adeus ao Nadal, ola ás rebaixas

Pontevedra
07 de xaneiro 2026

Os estudos apuntan a que cada pontevedrés, como o resto dos galegos, gastarémonos uns 90 euros de media até o próximo mes de marzo, data na que acabarán as rebaixas

Rebaixas de inverno nos comercios da cidade

Con descontos de ata o 70%. Así comezaron, oficialmente, as rebaixas de inverno nos establecementos comerciais de Pontevedra.

Centos de persoas non quixeron perderse o arranque desta campaña de descontos e encheron as tendas da cidade buscando esa ganga á que moitos xa lle botaran o ollo.

O ámbito de Benito Corbal foi, un ano máis, o espazo no que houbo máis afluencia de clientes, moitos deles para cambiar os agasallos de Reis que recibiron hai uns días.

Os estudos apuntan a que cada pontevedrés, como o resto dos galegos, gastaremos uns 90 euros de media até o próximo mes de marzo, data na que acabarán as rebaixas.

Son, en todo caso, unhas rebaixas algo 'descafeinadas', xa que a maioría das grandes firmas adiantaron os descontos e xa ofreceron numerosas ofertas en período de Nadal.

Desmonte da iluminación de Nadal en PontevedraCristina Saiz

O inicio formal desta tempada de rebaixas coincidiu cos traballos para o desmonte da iluminación do Nadal que, durante o último mes, decoraron as principais rúas e prazas da cidade.

Operarios da empresa Electromiño xa comezaron a retirar os elementos luminosos repartidos por todo o municipio, un labor que esperan completar nuns días.

Iso si, a decoración festiva regresará moi pronto, xa que en apenas un par de semanas os espazos públicos da Boa Vila volverán iluminarse, esta vez para festexar o Entroido.

Neste caso, a instalación das luces correrá a cargo da compañía Modeco, con sede en Vilagarcía. Nesta iluminación, o Concello investirá este ano uns 16.500 euros.