Unha campaña da Policía Local controlará patinetes eléctricos e bicicletas no centro da cidade

Pontevedra
21 de xaneiro 2025
Actualizado: 13:14

Eva Vilaverde, concelleira de Seguridade Cidadá, sinalou que entre o luns 27 e o venres 31 van desenvolverse controis estáticos e dinámicos en áreas sensibles de prioridade peonil. Advirte que as sancións para usuarios de vehículos de mobilidade persoal oscilan entre cen e mil euros

Uso de patinete en zona de prioridade peonil
Uso de patinete en zona de prioridade peonil / Mónica Patxot

Eva Vilaverde, concelleira de Seguridade Cidadá de Pontevedra, anunciou o inicio dunha campaña de control de bicicletas e vehículos de mobilidade persoal (VMP), como patinetes eléctricos, que se desenvolverá por parte da Policía Local desde o luns 27 ata o venres 31 de xaneiro.

Esta iniciativa responde ao aumento das queixas da veciñanza sobre a inseguridade que xeran estes vehículos na circulación peonil.

A intención é "garantir a seguridade viaria dos peóns en zonas de convivencia", explicaba Vilaverde, que recoñeceu unha tendencia ascendente nos últimos anos de accidentabilidade na que figuran estes vehículos.

A campaña ten como obxectivo principal detectar circulacións irregulares en zonas peonís e de preferencia peonil, así como controlar a velocidade dos VMP e bicicletas.

A Policía Local levará a cabo controis estáticos e dinámicos en áreas sensibles, como o centro histórico, accesos e principais puntos de circulación peonil na cidade.

Durante 2024 tramitáronse 75 denuncias relacionadas con este vehículos, principalmente por circular por beirarrúas e tamén por conducir VMP ou bicicletas baixo a influencia de alcohol ou drogas.

As sancións establecidas, segundo indicou a concelleira, serían as seguintes

  • 100 euros no caso de que dúas persoas circulen nun mesmo VMP.

  • 200 euros por circular con VMP en beirarrúas ou superando a velocidade dos peóns, utilizar auriculares ou usar o móbil mentres se conduce. Esa mesma sanción é para o caso de que os menores leven casco.

  • 500 euros por conducción temeraria, inadecuada ao tipo de vía ou á circulación.

  • 500 por conducir baixo efectos do alcohol e drogas no caso de menores, e tamén no caso de adultos a sanción sería superior aos 500 euros dependendo dos datos de consumo que se obteña nas probas.

  • 1.000 euros por negarse a facer os test de drogas ou alcohol.

Os condutores adultos de VMP deben circular sempre pola calzada. Só os menores de 12 anos poden utilizar as beirarrúas, acompañados por adultos.

En zonas mixtas e de convivencia, a velocidade dos VMP non debe superar os 10 km/h; 6 km/h. se hai viandantes e, en calquera caso, nunca deberá superar a velocidade dos peóns.

Desde a Policía Local lembran que o uso do casco é obrigatorio para menores de 16 anos en bicicletas e VMP, e a Policía Local recomenda tamén o seu uso entre adultos, malia que non é obrigatorio.

Repartidores en bicicleta
Repartidores en bicicletaMónica Patxot

Vilaverde subliñou a importancia de garantir a convivencia entre peóns e usuarios de VMP, destacando que a prioridade debe ser sempre a seguridade das persoas que camiñan.

Neste sentido, incidiu en que a principal recomendación para aquelas persoas que adquiren un vehículo de mobilidade persoal é solicitar as súas características e as prohibicións ás que está sometido.

Eva Vilaverde, concejala de Seguridade Cidadá
Eva Vilaverde, concejala de Seguridade CidadáMónica Patxot