De Campo Lameiro á excelencia no sector do videoxogo cun proxecto integrador e accesible

O Campo Lameiro
26 de novembro 2025

'Tiny's Tale', de Digital Monster Collective, nomeado a Mellor Xogo Accesible nos Iris Games. Demostra que "poder ter boa conexión a internet é unha oportunidade de que non se baleire o rural"

Lizartonne mostra imaxes do xogo Tiny's Tale Lizartonne

Tiny é un pequeno trasno de 9 anos ao que un rato roubou a súa colección de botóns. Sobre a súa cadeira de rodas, pode sortear calquera obstáculo e, coa axuda dun imán, inicia unha aventura para recuperar o seu tesouro.

É un punto de partida innovador e, á vez, integrador e accesible para un videoxogo e a súa proposta, Tiny's Tale, permitiu á empresa Digital Monster Collective aspirar a Mellor Xogo Accesible nos Premios Iris Games 2025, que premian a excelencia no sector.

Detrás deste proxecto está Lizzartone (nome artístico de Dani Rodríguez), que con este nomeamento demostra non só que un xogo educativo, web e integrador pode optar á excelencia, senón que desde o rural pódese chegar á cima mesmo dos sectores máis innovadores.

"Poder ter unha boa conexión a internet no rural facilita que a xente que vive en rural poida compatibilizar as súas carreiras. É unha oportunidade de que non se baleire o rural", reflexiona Lizzartone, fundador da empresa e, á súa vez, profesor na Universidade Europea de Madrid

Dá clases a distancia e traballa en liña cun equipo multidisciplinar centrado na produción de curtametraxes, animación, videoxogos e aplicacións e "poder ter conexión a internet, para isto, é unha marabilla". Puido trasladarse a este pequeno municipio do interior pontevedrés grazas á mellora das infraestruturas do sector das telecomunicacións.

Menú principal do xogo Tiny's Tale

O nomeamento aos Premios Iris Games 2025 é un recoñecemento a este traballo que realizan desde Campo Lameiro e valora que, aínda que finalmente non gana, "xa é unha vitoria" ser seleccionado.

Os premios entregaranse este xoves 27 de novembro en Málaga e alí estará Lizzartone, emocionado só con poder atoparse entre a elite do sector.

Trátase dun "recoñecemento bastante importante", sobre todo, porque chega "para un xogo que non é nada comercial, que non encaixa normalmente nos festivais" porque é educativo e porque é web. Ningunha das dúas características adoita supor un nomeamento, pero, neste caso, foino polo seu carácter accesible.

"Que poñan en valor un xogo destas características e que fixemos buscando a inclusividade e a accesibilidade é unha satisfacción en si mesma, aínda que non o levemos", destaca o seu creador, que recoñece a contribución indispensable de Abrahan Dopazo e Sara Altair Rodríguez, colaboradores habituais do estudo, e dun grupo de estudantes en prácticas.

O equipo traballou en remoto durante seis meses, coordinado desde Campo Lameiro por Lizzartone, para desenvolver un proxecto do que destaca que o máis importante non é a súa viabilidade económica, senón que lles permite "xerar portfolio e xerar valor". E é que destaca que "non o facemos polo rendemento económico".

Tiny's Tale é un proxecto modesto, web e con fins educativos, pero que agora os pon no radar do sector, a par de propostas máis comerciais.

O punto de partida: a plataforma educativa Legends of Learning, que ten máis de 2.000 xogos aliñados aos currículos de matemáticas e ciencias para estudantes de primaria e secundaria.

A idea era deseñar un xogo para nenos inclusivo e, para facelo, quixeron fuxir do típico protagonista masculino, que impedise que unha parte do alumnado non sentise representada, e tamén pór en foco nunha realidade "poucas veces representada", a das persoas con diversidade funcional.

Neste caso, optouse por un protagonista en cadeira de rodas e por un trasno que "non ten unha manifestación clara de xénero para que ninguén poida non sentirse identificado".

Como xogo educativo, tiña esixencias con contido curricular, neste caso, "de física e de magnetismo" e Tiny, co imán da súa cadeira de rodas, permitiulle alcanzar os obxectivos. "O seu contido principal é a física e tiñan que aprender mediante a experimentación que pasa coas colisións e o magnetismo", explica o seu creador.

Lograron facer a física divertida e, ao mesmo tempo, accesible para un público de 7-8 anos non afeito aínda aos videoxogos.

Un logro para un estudo que ten esta liña de negocios como complemento á súa actividade principal e que, para facelos realidade, contan con asesoramento docente.

Recentemente, lanzaron tamén Dusty Bones, protagonizado por KT-Log, un robot que se dedica a descubrir e catalogar fósiles en xacementos arqueolóxicos para un museo, e en 2022 tiveron vínculo coa cidade de Pontevedra cun xogo máis comercial para El Club del Café.

Lizartonne (Dani Rodríguez)