Campo Lameiro vive unha noite de misterio coa primeira edición de 'Campola–Damedo'

O Campo Lameiro
14 de novembro 2025
Actualizado: 19:06

No evento, celebrado a pasada fin de semana, participaron preto de medio milleiro de persoas procedentes de distintos puntos de Galicia

Participantes na primeira edición de 'Campola-Damedo' Concello de Campo Lameiro

Campo Lameiro viviu a pasado fin de semana unha noite máxica na que se uniron o misterio, a tradición e o espírito comunitario.

Foi na primeira edición de 'Campola–Damedo: Onde o medo esperta entre as pedras', un evento que atraeu a preto de medio milleiro de persoas procedentes de distintos puntos de Galicia, como Vilagarcía de Arousa, Pontevedra, Padrón ou Rianxo, ademais de numerosos municipios da contorna.

Desde primeira horas da tarde, participantes e visitantes concentráronse na Praza do Concello, punto de partida do percorrido nocturno que levou ao público por unha ruta repleta de escenas, lendas e sobresaltos a través de xogos de luces, sombras e sons.

As actividades, preparadas por asociacións e colectivos locais, mantivéronse en segredo até o inicio do evento.

A xornada culminou cun magosto popular no que os asistentes difrutaron da música, castañas, lume e boa compañía.

O alcalde de Campo Lameiro, Carlos Costa, mostrouse satisfeito co desenvolvemento desta primeira edición e destacou "o enorme esforzo e implicación de todo o tecido asociativo do municipio, que fixo posible un evento que combina a posta en valor do noso patrimonio co espírito participativo e festivo da nosa xente".

Engadiu ademais que iniciativas como esta "dinamizan o municipio, reforzan a identidade local e proxectan Campo Lameiro como un destino cultural e turístico de referencia".

Costa tamén destacou que "esta gran resposta cidadá avala a continuidade de 'Campola–Damedo', que nace coa vocación de consolidarse como unha cita de referencia no calendario cultural de Campo Lameiro".

O Concello convida á cidadanía a seguir participando nas próximas actividades municipais e a continuar reforzando o tecido comunitario.