Cancelada por mal tempo a inauguración do Paseo Alcalde Blanco

Marín
16 de xuño 2022

O Concello de Marín tiña previsto estrear este xoves 16 de xuño ao grande a reforma do Paseo Alcalde Blanco, con xogos de auga e actividades de lecer que decidiron finalmente pospoñer debido á pouco favorable previsión meteorolóxica

Ao fondo, a escultura Capela Solis no Paseo alcalde Blanco
Ao fondo, a escultura Capela Solis no Paseo alcalde Blanco / Concello de Marín

A desfavorable previsión meteorolóxica, con alta probabilidade de choiva, fixo que o Concello de Marín tomase a decisión de pospoñer a inauguración do renovado Paseo Alcalde Blanco prevista para este xoves 16 de xuño.

A intención do goberno local, e así o anunciaba, é que a estrea deste importante espazo público fose toda unha festa con xogos de auga e actividades de lecer para goce dos veciños a partir das 17.00 horas.

Ás 19.00 horas da tarde pretendíase levar a cabo a inauguración propiamente dita, concluíndo a xornada cun concerto.

Cabe destacar que na reforma do Paseo Alcalde Blanco investíronse máis de 1.135.500 euros, cofinanciados nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional da Unión Europea.

O Concello de Marín sinalou que "pronto daremos unha nova data" para a esperada inauguración.