Cando a falta de liberdade che dá a oportunidade de construír un novo futuro

A Lama
16 de novembro 2025
Actualizado: 11:09

Visitamos o módulo Nelson Mandela da Lama, concibido para lograr a reinserción ampliando habilidades persoais e laborais. "Eu na rúa andaba bastante tirado e agora teño ganas de traballar"

Curso de albanelaría no programa Nelson Mandela no módulo 13 do centro penitenciario de A Lama
Curso de albanelaría no programa Nelson Mandela no módulo 13 do centro penitenciario de A Lama / Cristina Saiz

Dúas frases dan a benvida ao módulo 13 do centro penal da Lama. Nada máis acceder, un cadro do activista surafricano Nelson Mandela reza "son o dono do meu destino, son o capitán da miña alma".

Un par de metros despois, pegado á cabina de seguridade, un rótulo engade "a educación é a arma máis poderosa que podes usar para cambiar o mundo".

Dúas mensaxes que son toda unha declaración de intencións e que resumen a filosofía dun programa penitenciario creado en 2020 e bautizado Nelson Mandela II porque recolle a testemuña do aberto no cárcere de Teixeiro dez anos antes.

Está concibido para que as persoas privadas de liberdade amplíen a súa formación e competencias laborais e melloren habilidades persoais e profesionais cun obxectivo final: mellorar as súas opcións de reinserción e inclusión social. O fin último das penas de prisión.

Busca, en definitiva, preparalos para que, unha vez que cumpran a súa condena, teñan na súa vida en liberdade máis oportunidades que antes de cruzar os muros da prisión.

O camiño é duro e esixe implicación dos propios internos e do persoal que os acompaña no seu itinerario formativo e persoal, pero tamén satisfactorio para uns e outros cando se escoitan historias como a de David, de apenas 22 anos.

Programa Nelson Mandela no módulo 13 do centro penitenciario de A Lama
Programa Nelson Mandela no módulo 13 do centro penitenciario de A LamaCristina Saiz

"Eu na rúa andaba bastante tirado e agora teño ganas de traballar", explica a PontevedraViva este mozo que leva un ano e oito meses na Lama e cumpre co perfil máis habitual neste módulo: novo, con escasa formación e desexoso de dar un envorco á súa vida unha vez cumpra a súa débeda coa sociedade.

É, en novembro de 2025, un dos internos máis novos deste módulo. Entrou sen apenas formación e agora aprobou a ESO, realizou un curso de instalación de placas solares e outro con certificado de profesionalidade en soldadura e apuntouse a un ciclo medio.

A David quédanlle catro anos e medio de condena e pensa aproveitalos para, cando saia, ter as ferramentas necesarias para construírse un novo futuro. "Cando saia, ademais de traballar de soldador para ter o meu propio diñeiro, quero facer un FP para traballar nun ximnasio". Foi sempre o seu soño, pero estaba tan perdido na vida que nunca fixo nada por perseguilo.

Entrar en prisión privouno de toda a súa vida anterior, pero fíxoo madurar en todos os sentidos. E tamén lle rompeu todos os esquemas. "Pensei que iamos estar aquí pasando o tempo e pasando a condena", confesa, pero atopouse con que estar neste módulo "é unha oportunidade importante".

Na Lama poténciase a formación en todos os módulos, a gran maioría son xa terapéuticos e de respecto e tanto a dirección como o conxunto do persoal hai xa anos que teñen no seu ADN a procura da reinserción sociolaboral das persoas recluídas, pero este módulo dá un paso máis.

Equipo técnico do módulo 13 do centro penitenciario de A Lama, coa directora e as traballadoras da Xunta
Equipo técnico do módulo 13 do centro penitenciario de A Lama, coa directora e as traballadoras da XuntaCristina Saiz

Ofrece aos internos itinerarios personalizados con formación para facilitar a súa inserción no mercado laboral e un seguimento psicolóxico para dotalos de competencias para a vida en sociedade.

Para facelo realidade, ao equipo técnico multidisciplinar habitual do resto de módulos -educador, psicóloga, xurista e traballadora social- súmanse dúas técnicas en inclusión sociolaboral do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, neste caso, Carmen Martínez, educadora social, e Rosi Gómez, psicóloga.

É resultado dun convenio de colaboración entre a Secretaría General Instituciones Penitenciarias e a Xunta de Galicia.

Teresa Delgado, directora da prisión, destaca a "importancia" desta colaboración entre institucións, pois "a reinserción social é importante para nós, pero ten que haber un compromiso social" e esixe o compromiso doutros actores sociais.

Que outras administracións "poñan o foco" nesta nova vida tras a condena pode marcar a diferenza, axudando a cumprir co artigo 25.2 da Constitución Española, que establece que as penas privativas de liberdade deben estar orientadas á reeducación e reinserción social.

A adhesión ao programa é voluntaria e, na actualidade, ségueno ao redor de 65 dos 90 internos deste módulo. Non só a participación é maioritaria, senón que detectan un gran compromiso.

"Ofreces un curso con 15 prazas e sáenche 20 interesados", resume Pablo, o educador do módulo, "todo o que se ofrece de formación, sáenche candidatos".

Nada máis chegar un novo interno -todos son homes- ao módulo, primeiro pasa polo equipo técnico e, unha vez aclimatado, valórano as traballadoras da Xunta, que lles deseñan itinerarios personalizados, con ferramentas a nivel laboral, pero tamén educativas e sociais para "preparaloss para a vida en liberdade".

Carmen e Rosi danlles cursos de habilidades sociais, procura activa de emprego, xestión das emocións ou toma de decisións e, sobre todo, están sempre "dispoñibles para eles, para pór a orella e darlles apoio psicolóxico". Confirman esa implicación dos internos, que "sempre están dispostos a facer cousas" e recollen a luva cando lles insisten en que "é o momento, é a oportunidade, aquí teñen tempo".

Desde a experiencia que lle dá a súa dilatada traxectoria como educador na prisión, Pablo valora o "satisfactorio" que resulta este módulo en tanto que collen a mozos de apenas 19 anos, sen apenas formación e que, antes de entrar en prisión, non tiña perspectivas de futuro e "déixalo encamiñado".

"Non están a pensar en saír, están a pensar en formarse para saír mellor, están a sentir que están a mellorar aquí"

Esa é a "a clave deste módulo, encamiñalos", como lograron con Juan Carlos, un mozo que era "moi conflitivo" e chegou sen a ESO e, durante a súa estancia, chegou a presentarse á ABAU. "O caso de Juan Carlos dáche enerxía para seguir traballando", valora Pablo, que aprecia que, no Nelson Mandela, "non están a pensar en saír, están a pensar en formarse para saír mellor, están a sentir que están a mellorar aquí".

Ofrécenlles cursos dispoñibles para o resto da prisión e outros específicos, dous por ano, asociados ao programa Nelson Mandela. Este ano está en marcha un de albanelaría e nos próximos meses haberá outro de electricidade, pero desde que funciona esta iniciativa xa formaron aos participantes en forestais, enerxías renovables, xardinaría ou carretilleiro.

Fernando e Pedro son dous dos 15 alumnos de albanelaría e cada tarde de luns a venres aprenden con Jesús Meda, o seu monitor, "tarefas básicos dunha obra".

Ensínalles "un oficio", a colocar ladrillos, sacar niveis, facer pisos ou interpretar planos, todo moi práctico e ameno e, sobre todo, moi "útil" para labrarse un futuro laboral.

Destácao Pedro, de 27 anos: "están a achegarnos unha experiencia laboral". Para el, que xa traballou no pasado no sector da construción, resulta esperanzadora esta formación de cara á súa inminente posta en liberdade en febreiro, pois "vexo que ten saída a día de hoxe" e, ademais, a formación axúdao a soportar a vida en prisión. "O día que tes curso é un día diferente. Non é talego, talego, dannos un trato moi humano".

Para Fernando, de 37, poder formarse neste curso é positivo porque "polo menos, tes coñecementos e prepárante para o futuro laboral". Ademais, no seu caso, veulle ben "ter unha rutina de cara a cando saiamos". En breve, sairá en terceiro grao e leva tamén unha formación cara á que confía en poder orientar o seu futuro laboral.

"Estar neste módulo dáche moitas ferramentas que podes coller e usar para crecer laboralmente e como persoa"

Hainos que se apuntan a todo canto curso lle ofrecen, como José Manuel, de 31 anos. No ano e oito meses que leva dentro acumula máis cursos que meses. Apuntouse a costura, "non tiña nin idea de coser e agora podo arranxar calquera prenda, son o costurero do módulo". Formouse en cociña e, ademais de sumar un certificado de profesionalidade e experiencia, descubriu a súa vocación e, cando saia, "é ao que me vou a dedicar".

Primeiros auxilios, habilidades sociais ou informáticas son outras das súas formacións, que fan que esta etapa en prisión sexa moi diferente á anterior que pasou na Lama, en 2018 e 2019.

Estivo no mesmo módulo, antes do programa Nelson Mandela, e agora "cambiou moito, hai máis cursos" e a contorna empúxao a ter máis ganas de retomar unha vida plena na rúa. Nota que é "un módulo inclusivo" no que contan cun banco LGTBIQ+ e agradece cursos como o da UNED de 'Poesía sobre os muros' ou o da entidade 'Rejas Rosas' de apoio LGTBIQ+.

Agora enfoca a condena desde outra perspectiva, como Mirco, de 31 anos e que cre que neste programa lles dan "as oportunidades que necesitamos para a reinserción, para prepararnos para a vida en liberdade"; ou Silva, de 26, que nun ano e dous meses aprobou a ESO e destaca que "estar neste módulo dáche moitas ferramentas que podes coller e usar, tes moitas oportunidades para facer cursos para o día de mañá crecer laboralmente e como persoa".

Este programa inclué iniciativas de voluntariado coma esta de Asvigal.