Un grupo de 18 estudantes de 3º e 4º da ESO do IES Sanxenxo participou este xoves nunha innovadora iniciativa para detectar e combater actitudes machistas no seu día a día.
O taller "Canto machismo teño?", enmarcado no proxecto da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) "Que a vergoña cambie de bando", busca xerar conciencia entre os adolescentes sobre comportamentos discriminatorios normalizados.
A actividade, dirixida por Diana Názara, directora do Centro de Información á Muller (CIM) de Sanxenxo, combinou unha enquisa anónima sobre diferentes perspectivas do machismo, traballos grupales para analizar estereotipos e a visualización dun vídeo que expón micromachismos expresados por figuras públicas.
Ao encontro asistiron tamén Nati Parada, concelleira de Educación, e Patricia Vilán, secretaria da Fegamp.
Esta iniciativa súmase aos esforzos que o Concello de Sanxenxo vén realizando nos últimos anos para promover a igualdade entre os máis novos.
A finais de 2024, o departamento de Educación, en colaboración cos institutos Vilalonga e Sanxenxo e o colexio Abrente, realizou un cuestionario sobre igualdade e violencia de xénero entre estudantes de 3º da ESO, cuxos resultados están a axudar a deseñar futuras actividades.
O consistorio apostou por desenvolver propostas que conecten cos adolescentes "falando o seu mesmo idioma" para difundir valores de igualdade, previr a violencia de xénero desde idades temperás e traballar a educación afectivo-sexual en todos os centros educativos do municipio, segundo indica o goberno local.