Carme da Silva: "O que sorprende é que Ence exerza de portavoz da Xunta"

Pontevedra
21 de xaneiro 2016

O Concello de Pontevedra descoñece se a Xunta vai proceder á ampliación da EDAR de Praceres nos terreos do derrubado campo de fútbol, tal e como este pasado mércores 20 indicaba Ence nun comunicado

Carmen da Silva, concelleira de Urbanismo
Carmen da Silva, concelleira de Urbanismo / Mónica Patxot

O Concello de Pontevedra non dispón de información algunha sobre unha posible ampliación da Estación Depuradora de Augas Residuais de Praceres. Unha actuación que segundo a información difundida pola empresa Ence este pasado mércores 20, produciríase nos terreos do campo de fútbol de Praceres e unha vez que a pasteira devolva o solar ao Estado, como propietario do mesmo.

A concelleira de Urbanismo, Carme da Silva, sinalaba que: "nós non temos ningún coñecemento. O que máis me sorprendeu da noticia non é que o Concello teña información sobre se a depuradora vai ampliar ou non; o sorprendente é que Ence exerza xa de portavoz da Xunta. Nesa confusión que teñen PP e Ence, Ence e PP, pois agora Ence actúa de portavoz do PP e da Xunta".