Carmela Silva (Vigo, 1960) defínese como comprometida co seu tempo. É avogada, profesora de educación especial, socialista e zurda. Ademais desde o pasado 17 de xullo preside a Deputación de Pontevedra. A primeira muller en desempeñar este cargo.
Carmela Silva.- Ser muller é moi complicado sempre no ámbito público dos espazos de poder e de toma de decisións. Temos moitas máis dificultades. É algo fácil de comprobar, simplemente hai que coller os xornais e pasar as follas para ver quen está ocupando estes espazos. Só con isto xa veremos as dificultades que temos as mulleres para acceder a posicións de decisión e de poder. Por iso creo que é unha cuestión de todas as administracións e de todos os dirixentes, non só da política senón de todos os ámbitos, o cambiar a sociedade para artellar instrumentos e medidas que permitan que as mulleres ocupemos ese espazo.
As mulleres non somos un colectivo. Somos máis da metade da poboación. Queremos ocupar a metade do poder, algo tan sinxelo e tan lóxico. Esa ten que ser unha prioridade, para min o é.
Por que?, pois porque eu sufrín as dificultades que por ser muller temos para ocupar espazos de poder. Esa é unha realidade xeneralizada para as mulleres. Eu son socialista e as políticas de Igualdade son unha prioridade para nós. Creo que as administracións, todas, teñen que ter a igualdade de xénero como unha prioridade.
PontevedraViva.- Entrevistamos a Carmela Silva no seu despacho na Deputación onde acaban de colgar unha gran pancarta "contra as violencias machistas".
Carmela Silva.- Non pode ser que se produzan asasinatos polo simple feito de ser mulleres. Isto non pode seguir ocorrendo. As administracións que temos responsabilidades, temos que poñernos a traballar seriamente de maneira coordinada. Xa está ben de palabras, de estruturas que non responden á necesidade dunha loita verdadeira contra a violencia machista.
"Non pode ser que se produzan asasinatos polo simple feito de ser mulleres"
Expúxenlle ao presidente da Xunta que convoque unha gran mesa na que analicemos o que está a ocorrer e cales son as medidas que temos que tomar para evitar que sigan matando mulleres. Están a asasinarnos.
PontevedraViva.- Carmela Silva preséntase como unha persoa comprometida. O seu discurso é ambicioso. Non lle preocupa non poder cumprir coa súa palabra?
Carmela Silva.- Eu vou cumprir sempre coa miña palabra. Isto é unha filosofía de facer política, baseada na transparencia na non discriminación cos recursos que se xestionan, baseada en ser moi consciente das dificultades que sofre a nosa xente, en tentar poñer medidas que palien esas dificultades, e logo nunha enorme consciencia das potencialidades e da fortaleza da provincia de Pontevedra.
Non é posible dedicarse á política sen ambición e utopía para marcarse un horizonte. Veremos ata onde somos capaces de chegar, pero iso si, non faltarán esforzo, nin traballo, nin dedicación.
PontevedraViva.- En cen días tivo oportunidade de coñecer todas as instalacións, mesmo a todos os traballadores da Deputación. Que diagnóstico fai desta administración?
Carmela Silva.- Esta era unha Deputación tan presidencialista que non permitía que o talento que hai entre os servidores públicos que aquí traballan puidese explotar e ser un elemento que suma á acción de goberno. Nunca se lle sacou rendemento aos recursos humanos que atesoura esta administración.
Había unha amálgama de plans sen cohesión e sen unha finalidade clara. Estaban fatalmente xestionados. E outras moitas actividades que non responden as demandas da xente e que hai que cambiar radicalmente.
"Nunca se lle sacou rendemento aos recursos humanos que atesoura esta administración"
Ademais atopámonos con que aquí hai moito emprego eventual que impide ter unha estrutura de traballo que garanta o funcionamento da administración.
En resumo, unha Deputación do século pasado que ten que ser modernizada. Nesta tarefa estou a contar con moita colaboración dos funcionarios que están a dedicar máis tempo do esixible, algo que lles agradezo. Sen eles non sería posible avanzar no cambio de modelo.
PontevedraViva.- E as contas?. Na súa xestión á fronte da concellería de Economía e Facenda no Concello de Vigo presume de lograr deixar en cero a débeda municipal. Asume este mesmo reto na Deputación?
Carmela Silva.- O meu obxectivo é que os concellos da provincia poidan ter recursos suficientes para prestar servizos para garantir os dereitos das persoas. Aí centro todas as miñas prioridades. Dito isto, creo que o fundamental é que as administracións presenten unhas contas saneadas que cumpran co déficit, que teñan equilibrio financeiro, que se pague en prazo aos provedores e que se rebaixe a débeda.
Chámame a atención que o anterior presidente da Deputación dixo que no 2018 esta administración ía ter débeda cero, unha vez máis, o señor Louzán faltou á verdade porque coas contas que nos deixou a débeda cero non se alcanzará ata o ano 2023. Estudaremos esta situación en profundidade para ver como podemos mellorar estes parámetros.
"Coas contas que nos deixou a débeda cero non se alcanzará ata o ano 2023"
PontevedraViva.- Esta é unha administración que ten granxas, escolas infantís, centros de día, escolas de enfermería e cantería, un centro de investigación, un museo...
Carmela Silva.- As comunidades autónomas teñen unhas competencias establecidas por lei, por tanto son de obrigado cumprimento. Pero, no caso da Xunta non as desenvolve e por tanto outras administracións ven obrigadas a ter que prestalas. A iso hai que poñerlle fin dunha vez por todas.
O Partido Socialista está a expor a necesidade dunha modificación da Constitución Española na que se garantan dereitos fundamentais como a sanidade pública e a educación pública e que por tanto ningún goberno poida privatizar eses dereitos fundamentais, pero tamén estamos a expor que hai modificar a estrutura territorial do Estado e definir con claridade cales son as competencias dos tres núcleos de poder político: goberno do Estado, gobernos das comunidades autónomas e gobernos das entidades locais.
PontevedraViva.- Cre vostede que a Xunta considera á Deputación de Pontevedra como un contrapoder na provincia?
Carmela Silva.- Eu creo que o Partido Popular sempre cre que hai un contrapoder alí onde non goberna. Sucede na Deputación, pero tamén en concellos como Pontevedra, Vigo, Vilagarcía, Bueu, Moaña, Illa de Arousa, Cangas... O presidente Feijóo é incapaz de comprender que son os cidadáns os que deciden quen goberna en cada lugar, e cando xa decidiron o que hai que facer é deixar a confrontación fóra e sentar a falar das necesidades dos territorios e as persoas. Iso non o entende.
O que eu non vou facer de ningún xeito é quedarme calada e non dicir o que considero inxusto e expor as carencias da provincia. É a miña obriga. Pero o do contrapoder é unha forma moi antiga de entender a política.