Carmela Silva, sobre a candidatura do PSOE para o 5A: "Se a min me dixeran 'fai ti unha lista', eu faría esta"

Pontevedra
28 de febreiro 2020

A presidenta da  Deputación Provincial mostrouse "requeteencantada con esa lista". Entre outros trazos, destacou que a candidatura ten nos postos dous e tres a dúas recoñecidas feministas e que, por primeira vez na provincia de Pontevedra, inclúe a máis mulleres que homes

Carmela Silva, presidenta da Deputación
Carmela Silva, presidenta da Deputación / Cristina Saiz

A presidenta da Deputación Provincial de Pontevedra, a socialista Carmela Silva, dá o seu total respaldo á candidatura aprobada polo Comité Nacional do PSdeG para as próximas eleccións do 5 de abril pola provincia de Pontevedra. Tras a decisión adoptada a nivel autonómico o xoves, este venres, a política viguesa mostrouse "requeteencantada con esa lista".

A candidatura, que agora terá que referendar o Comité Ferderal, aprobouse por aclamación e está encabezada polo candidato á Presidencia da Xunta de Galicia, Gonzalo Caballero. De número dous propón á concelleira de Vigo e actual deputada provincial María Isaura Abelairas e para o número tres selecciona á actual concelleira pontevedresa Paloma Castro

"Se a min me dixeran 'fai ti unha lista', eu faría esta lista", asegurou Carmela Silva, a preguntas dos medios de comunicación, e engadiu que a candidatura lle "convence ao 100%" e que a ela "non se me ocorrería facer unha lista mellor".

Entre outros trazos, destacou que a candidatura ten nos postos dous e tres a dúas recoñecidas feministas e que, por primeira vez na provincia de Pontevedra, inclúe a máis mulleres que homes. Esta circunstancia, segundo asegurou, "non é que me satisfaga, é que non deixo de ter un sorriso permanente non rostro". Esta presenza maioritaria de mulleres é unha "alegría" e unha "sorte" porque "non era habitual".

Carmela Silva tamén destacou que a lista proposta combina "experiencia e novidade", dous aspectos fundamentais para configuarar unha boa candidatura, e que ten representación de todo o territorio provincial. 

O Comité Nacional do PSdeG decidiu apartar á pontevedresa María Pierres, deputada autonómica na última lexislatura, da candidatura a pesar de que foi a candidata máis votada por parte da asemblea local socialista e que figuraba no número catro da lista que propuxo o Comité Executivo Provincial. Esta semana tamén chamou a atención que a Executiva Provincial prescindise da tamén deputada na última lexislatura Patricia Vilán

Precisamente, a esas dúas políticas socialistas referiuse de forma específica Carmela Silva. A presidenta provincial asegurou que "foron dúas grandes deputadas autonómicas" e que lles ten "aprecio" e "respecto". Quíxolle mandar toda a súa admiración e mostrouse convencida de que "teñen moito que falar aínda na política, e moito que achegar". 

A presidenta provincial recoñeceu que é "moi difíci" facer listas e que hai moita xente "moi potente" que finalmente non vai na lista. Por iso é polo que quixese facerlles un recoñecemento. Defendeu, así mesmo, o proceso de configuración das listas do PSOE, fronte a outros partidos como PP e BNG, que as nomean "a dedo".