Case 5.000 persoas quedan impresionadas coa Panorama en Vilanova

O Salnés
10 de agosto 2024

O domingo 11, día grande da Festa do Mexillón e do Berberecho, van entregarse as Insignias de Ouro e Brillantes e terá lugar o concerto de Roi Casal

Milleiros de persoas asistiron á actuación da Panorama
Milleiros de persoas asistiron á actuación da Panorama / Concello de Vilanova de Arousa

A XXX Festa do Mexillón e do Berberecho de Vilanova de Arousa sorprendía este venres coa impresionante actuación da Orquesta Panorama, que congregou a case 5.000 persoas no parque do Cabo, segundo indica o Concello.

As imaxes dos milleiros de asistentes seguindo á orquestra que triunfa en Galicia fixéronse virais nas redes sociais durante as últimas horas.

Este venres tamén marcou o inicio da Feira de Oportunidades, coa participación dunha vintena de comercios locais que ofreceron grandes descontos en artigos como roupa, calzado e complementos na Avenida do Recheo.

A programación continúa este sábado 10 de agosto, co concerto de Antonio Barros & Lys Pardo ás 22:00 horas na Praza do Castro.

O domingo 11 de agosto, día grande da festa, celebrarase o pregón e a entrega das Insignias de Ouro e Brillantes ás 13:30 horas na Praza do Castro.

O peche desta edición virá da man do músico Roi Casal cun concerto ás 21:00 horas no Xardín Umbrío.