Crear montes produtivos de castañas e cogomelos para recuperar áreas queimadas e obter novos recursos económicos. Son os obxectivos do proxecto que impulsaron o Rotary Club Pontevedra e a empresa Hifas da Terra.
Así, membros de ambas as organizacións participaron nos últimos días nunha plantación de castiñeiros micorrizados con boletus edulis no monte veciñal de Couto Valo Branco, entre Bora e Cotobade.
Mediante esta iniciativa, búscase facer un chamamento á recuperación dos montes queimados e á plantación de especies autóctonas que xeren emprego e sustentabilidade no noso medio rural.
Este tipo de árbores, que foron doados por Hifas da Terra, comezan a súa produción aos 2-3 anos de idade debido a que son exemplares seleccionados de froito de gran calidade e micorrizados con boletus para potenciar a produción deste valioso cogomelo.
Unha plantación destas características pode chegar a producir anualmente ao redor de 3.000 quilos de castañas (a un prezo de 2 euros por quilo) e ao redor de 250 quilos de cogomelo (a un prezo de 10 euros o quilo), de modo que se poden obter ingresos anuais por hectárea ao redor dos 8.500 euros.
Isto fai que os castiñeiros, ademais de ser unha especie de enorme valor ambiental e paisaxístico, sexan tamén un investimento moi rendible.